EFE
Os servizos de vixilancia epidemiolóxica da Consellería de Sanidade constataron un descenso da incidencia da Gripe AH1N1 na poboación galega, segundo recolle o informe que a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, presentou hoxe no Consello da Xunta.
A "vaga epidémica" empezou a medrar en Galicia "a finais de setembro", acadando "o seu cume" na primeira semana de novembro, tras a cal se rexistrou un descenso, polo que a Consellería prevé que o dito repunte termine en "tres ou catro semanas", segundo indicou a Xunta nun comunicado.
A Consellería de Sanidade prevé que a devandita "vaga epidémica" conclúa con menos de 25 ingresos por cada 100.000 habitantes, "escenario máis leve dos considerados" na preparación dos hospitais.
O informe presentado hoxe por Farjas tamén recolle que a proporción de doentes que son ingresados na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) dos centros hospitalarios galegos é do 11 por cento e a mortalidade de 0,4 mortos por cada 100.000 habitantes, así como tamén indica que a maior incidencia deste virus se rexistrou en persoas de entre 5 e 19 anos.
Por outra parte, a Consellería de Sanidade tamén informou de que o Servizo Galego de Saúde xa conta con 24.000 vacinas específicas para as embarazadas, que empezaron a subministrarse na xornada de hoxe.