|
|
|
HEMEROTECA » |
|
EUROPA PRESS A Real Academia Galega e o colectivo de lesbianas, gay, bisexuais e transexuais de Galicia 'Colega' chegaron a un acordo para modificar o significado de cinco termos na reedición do dicionario oficial de galego, co obxectivo de facelo "respectuoso" co colectivo homosexual.
Así o explicou hoxe en Santiago o secretario da Real Academia, Manuel González, quen atribuíu esta modificación nos termos denunciados polo colectivo gay á necesidade de que organismos como a RAG sexan "dinámicos" e "avancen" coa sociedade.
"Un dicionario que queira ser unha obra actual ten que estar aberto tamén a modificacións", explicou o académico, quen mostrou a "disposición" da RAG "cos brazos abertos" a modificar outros termos que poidan prexudicar a algún colectivo.
En concreto, as modificacións afectarán en principio aos significados dos termos 'homosexual', 'homosexualidade', 'matrimonio', 'pederasta' e 'pederastia', que na edición de 1997 incluían referencias "pexorativas" cara ao colectivo gay.
RESPECTO
Manuel González fixo fincapé na súa intervención na "enorme preocupación" da Real Academia polo "respecto a todas as ideoloxías e todos os colectivos" e asegurou que esta institución "pretende ser un exemplo de corrección lingüística e corrección social".
Neste sentido, Manuel González atribuíu o atraso na actualización das definicións dalgúns termos aos tempos establecidos para novas normativas e recordou que isto é algo "que se dá en todos os dicionarios do ámbito" galego.
En todo caso, o académico fixo un chamamento para que calquera persoa ou colectivo que senta "discriminado" por algunha acepción, se poña en contacto coa Real Academia, onde recibirán as achegas "cos brazos abertos".
O novo dicionario da RAG, que ten prevista a súa saída ao mercado entre abril e maio do próximo ano, ampliará ademais os seus termos ata case duplicar as 30.000 entradas que ten na actualidade.
"FITO" NA HISTORIA
Pola súa banda, o presidente de Colega Galicia, Rafael Moral, gabou a predisposición da RAG a modificar estes termos no seu dicionario e anunciou que o colectivo levará a cabo unha campaña de promoción e difusión deste novo documento que supón "un fito na historia" e "abre camiño en España e Europa".
Así mesmo, indicou que, a nivel estatal, o colectivo Colega demandou hoxe ante a Real Academia Española que realice modificacións tamén nos seus termos, ao igual que o levado a cabo pola RAG, para que os dicionarios oficiais sexan "un guía de convivencia e non un dique de contención para posturas atrasadas".
|
|
Canal de Música FolkToda la actualidad del mundo folk nacional e internacional, en nuestro canal.
| CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por |
|
|||||||
|
|||||||||