Sementando setas

Cada vez son máis os propietarios de montes que micorrizan as súas árbores e soutos para conseguir unha produción de até 250 quilos de setas por hectárea e ano

 12:20  

Non só de madeira e castañas vive o monte: o das setas é un recurso cada vez máis valorado, malia non estar regulada a súa recollida. Conscientes da importancia de explotar ao máximo todas as riquezas do sector forestal, centos de galegos apostan por micorrizar as súas árbores e soutos. É dicir, incorporar a semente do fungo nas raíces de carballos, castiñeiros ou piñeiros para conseguir, uns anos despois, moitas máis setas, até 250 quilos por hectárea. Unha empresa galega, Hifas da Terra, lidera o mercado español das árbores micorrizadas, un negocio no que moitos teñen postas as esperanzas do futuro do monte

PILAR MERA | A CORUÑA Sementar setas é a última moda no monte galego. Cada vez son máis os propietarios forestais que recorren á micorrización para multiplicar a produción de setas nos seus soutos. Unha empresa de Pontevedra, Hifas da Terra, é líder nestes ensaios, nos que moitos confían para explotar ao máximo a riqueza dos seus montes.

A micorrización consiste en introducir o micelio (uns pequenos filamentos que funcionan como a semente da seta) nas raíces das árbores, sexan novas ou adultas. No primeiro caso, os biólogos encárganse de, no laboratorio, inocular o micelio do fungo nos escallos da árbore, tendo en conta o tipo de seta máis axeitada para cada tipo de árbore. Por exemplo, para micorrizar os castiñeiros, os carballos e en xeral calquera frondosa úsase o micelio dos boletos, mentres que nos piñeiros son máis eficaces os xermes de níscalos como o rubellón ou os fungos da muña.

En calquera caso, aos seis anos de plantar o escallo da árbore micorrizada xa empezan a nacer setas aos seus pés. Até 250 quilos de fungos por hectárea e ano que, multiplicados polos sete euros de media aos que se está vendendo o quilo de boletos no mercado, dá unha renda anual de 1.700 euros ao ano. Ou, en todo caso, unha boa colleita de setas da casa para desfrutar dun outono gastronómico.

Polo menos, iso é o que promete Hifas da Terra, unha compañía pontevedresa que lidera o mercado en Galicia e mesmo en España, e que xa conta cun amplo catálogo de árbores micorrizadas listas para plantar. "As árbores micorrizadas, sobre todo os castiñeiros, son o dobre de caras ca outras normais (un exemplar micorrizado de tres anos e dous metros de altura ronda os 20 euros), pero compensa con moito porque esa parcela dá máis e mellores produtos", di Esteban Sinde, responsable da firma pontevedresa, que presume de ter "o catálogo de castiñeiros máis variado de toda Europa".

E é que as árbores nas que Hifas da Terra sementa fungos desde hai dez anos -castiñeiros, carballos, bidueiros, piñeiros, enciñeiras e sobreiras- están seleccionadas xeneticamente para que medren máis, para que produzan froitos mellores e mesmo para que sexan resistentes á temida e letal plaga da tinta, no caso do castiñeiro. Ademais, como en calquera relación de simbiose, tanto a árbore como as setas resultan beneficiadas: un exemplar micorrizado absorbe máis auga, fósforo e nutrintes ca un natural, pois "os fungos exploran o chan moito máis lonxe do que o fan as raíces", segundo Esteban.

Aínda que o máis recomendable, segundo este experto, é plantar árbores xa micorrizadas, existe outro método para conseguir multiplicar a produción de setas nun monte xa adulto: botar na raíz das árbores un líquido que tamén fomenta o nacemento dos fungos na zona. Cun litro desta esencia de micelio pódense micorrizar aproximadamente unhas 10 árbores, que tardan algo menos de dous anos en dar as primeiras setas. "As mellores épocas para micorrizar con estes inóculos é de setembro a novembro e de abril a maio, cando máis chove, e a mellor especie para facelo é o castiñeiro, porque ten as raíces máis superficiais e absorbe mellor o líquido", di Esteban Sinde, que recoñece que "cada vez hai máis demanda en Galicia deste tipo de servizos", especialmente por parte de pequenos propietarios, aínda que tamén hai montes veciñais interesados nestes experimentos, e mesmo a Administración.

"Aínda que logo non vendan as setas nin saquen cartos por iso, os propietarios forestais veno como un motivo para coidar o monte, é unha satisfacción ver medrar os fungos tan rápido é tan ben", engade o voceiro de Hifas da Terra, que ten claro que o futuro do sector forestal pasa por potenciar a produción de setas, "pois iso obriga a ter limpo o monte, a facer selvicultura e a tomar medidas para previr os lumes".

  HEMEROTECA

Sigue las noticias de A Coruña en:

FacebookTuentiYoutubeTwittertwitter deprotesFlickr Google plus

Canal

 Liga de FútbolCanal de Música Folk

Toda la actualidad del mundo folk nacional e internacional, en nuestro canal.

CONÓZCANOS: CONTACTO | LA OPINIÓN A CORUÑA | LOCALIZACIÓN | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
laopinióncoruña.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de laopinióncoruña.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
Adaptado a la Ley de Protección de Datos por
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Faro de Vigo  | Información  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya