A implantación dun laboratorio no que se avanzará nunha vacina contra contra o cancro non é o único negocio que está en marcha entre as empresas israelíes en Galicia. A Cámara de Comercio Galicia-Israel, constituída hai tres meses na Coruña como unha delegación da cámara española, tamén está negociando con varias compañías hebreas a importación da tecnoloxía necesaria para especializar algúns matadoiros galegos nos ritos kosher, os que seguen os xudeus para comer. Entre estes costumes está, por exemplo, que os animais que consuman deben morrer desangrados -un método moi criticado polos grupos de defensa dos animais- e baixo a bendición dun rabino. A idea é "especializar parte da gandeiría galega neste mercado, e exportar o producto xa envasado a América, onde hai unha grande demanda de comida kosher", explica Francisco Linares, presidente da Cámara.
Outra das iniciativas empresariais que Linares confía en traer a Galicia, en concreto á Coruña, é a das investigacións sobre o fondo mariño que levan a cabo varias firmas e institutos hebreos, que están estudando a posibilidade de enviar a varios dos seus científicos á cidade herculina. A colaboración e o intercambio de estudantes, investigadores e conferenciantes entre a Universidade da Coruña e a de Israel, líder mundial en I+D, e as ofertas turísticas para traer israelíes a Galicia son outros dos proxectos da Cámara.