O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o seu Executivo reducirá en 218 millóns de euros os presupostos galegos para 2010 ante a decisión do Goberno central de "recortar máis de 111 millóns" na partida reservada para Galicia dos fondos adicionais do novo sistema de financiamento, decisión que recorrerá pola vía contencioso-administrativa.

"Non é unha boa noticia, pero peor sería dicir que non pasa nada e despois deixar a deber 200 millóns", xustificou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que se comprometeu a evitar os "erros" do bipartito e acusou o estado de "contradicir" a súa propia lei de presupostos e o acordo sobre financiamento autonómico.

Sen abandonar o marco financeiro, Núñez Feijóo avanzou tamén a interposición "inmediata" dun segundo recurso contencioso contra o Estado para que este "devolva" a Galicia "uns 1.272 millóns de euros" que, segundo explicou, "deixou de percibir" por medidas fiscais que o Goberno estatal adoptou "unilateralmente" e que "financiou" a comunidade.