Actual portavoz parlamentario do BNG e membro da executiva, Carlos Aymerich non elude parte da responsabilidade que ten como membro da dirección do seu partido no resultado das municipais. Recuperar os votos perdidos nas cidades e averiguar se os bipartitos co PSOE lle pasan ou non factura ao seu partido son algunhas das tarefas que sinala como prioritarias no novo escenario que se abre para o BNG tras o 22-M.

-Esperaba este resultado electoral?

-Esperabamos un resultado mellor, pero xa non é o momento de valorar os resultados e no BNG tampouco podemos estar perdendo o tempo cos nosos problemas e si temos que ver de que maneira somos útiles á sociedade galega.

-É correcta a lectura de que cando o BNG apoia ao PSOE nun goberno, sae derrotado? Debilitan ao nacionalismo os bipartitos?

-Creo que non é así. En Pontevedra o BNG avanzou e poderiamos por outros exemplos. Hai lugares, como Lugo, onde non se gobernaba e se baixa. Máis ca ser unha cuestión de se cogobernar co PSOE nos perxudica, é máis de como se goberna e de cousas que non dependen dun. En Vigo produciuse o efecto inverso do que aconteceu en Pontevedra. O medo a que entrase o PP fixo que moitos votantes do BNG en Vigo apoiaran ao PSOE da mesma maneira que en Pontevedra votantes do PSOE apoiaron ao BNG para evitar a chegada de Telmo Martín.

-Sendo como é o BNG un partido de carácter urbán, que conclusión ten que sacar da sangría de votos nas cidades?

-A conclusión é que temos un problema nas cidades e temos que reconstruír un discurso urbán para unha realidade social que non é a mesma ca fai dez ou quince anos, que temos que reconectar con moitos sectores que deberían ter no BNG o seu referente electoral.

-Para reconstruír o discurso do Bloque vaise celebrar unha asamblea que o xoves se comezou a preparar. Con que argumentario acudirá Máis Galiza?

-As posturas de Máis Galiza son coñecidas e o segredo é unha das condicións para que esta saia ben e traballemos con discreción e nun ámbito de confianza.

-Á parte do discurso político, será tamén unha asamblea na procura da paz interna?

-Eu non falaría de paz interna só se por paz interna entendemos a ausencia de conflito. A paz non é só a ausencia de guerra, a paz é tamén un clima onde os dereitos de todos se poden exercer, onde todos teñen as mesmas oportunidades, pero iso trasladado ao BNG quere dicir que se restableza a confianza interna, que se recuperen formas de traballar nas que todo o mundo conta sen exclusións e onde o consenso, o diálogo e a colaboración primen sobre a confrontación e a imposición mecánica de maiorías, sexan as que sexan. O importante é isto, recuperar o clima de consenso e de confianza interna porque iso é o que nos permitirá proxectarnos cara fóra e recuperar apoios electorais.

-E de que forma se vai acadar todo isto?

-Pois diso teremos que falar todos. Temos que recuperar ese clima de confianza e colaboración interna, como? Pois xa veremos.

-Volverase ás decisións colexiadas?

-Non dixen nada diso. Seguramente a historia nunca se repite, pero creo que todos pensamos e acertamos mellor ca un. O camiño é esta reflexión conxunta que iniciamos e esperamos chegar a bo porto.

-Non parece fácil...

-Pero o que é fácil non ten mérito. Non está escrito en ningures que facer nacionalismo en Galicia e apostar por un país distinto e mellor sexa un camiño fácil.

-E se non se consegue, é posible unha escisión?

-Non nos plantexamos en ningún caso esa hipótese.

-Primeiro asamblea política, e despois renovación da executiva e elección do candidato á Xunta, todo xunto ou por separado?

-Iso será o ramo da obra, a guinda final. Peo está todo por decidir.

-O candidato a Xunta e o portavoz nacional deberían ser a misma persoa?

-É algo do que teremos que falar, pode ser desexable, pero estamos nun momento no que isto é casi unha cuestión secundaria. O principal é recuperar un clima de colaboración e unidade interna que nos permita iniciar unha nova senda de confianza.

-Cales son as súas aspiracións políticas? Ten interese en competir de novo pola portavocía nacional?

-Agora mesmo son cuestións secundarias.

-Hai quen lle pide máis protagonismo, que sexa máis combativo e amose a súas aspiracións...

-Cada cousa ten o seu tempo. Cando houbo que ser combativo e dar un paso adiante, eu non dubidei en dalo. Pero hai un tempo para cada cousa.

"O ideario do BNG é o adecuado pero actualizado e ben transmitido"

-Tocou fondo o BNG?

-Levamos una traxectoria de perda de apoios desde fai anos. Houbo un lixeiro repunte nas municipais de 2007, pero en xeral a tendencia é clara e por iso, o pasado sábado no consello nacional chegamos á conclusión de que isto non é un problema puntual e que as responsabilidades non temos que buscalas nuns ou noutros, porque a saída fácil sería botarlle a culpa ao outro. O que temos que facer é actuar con responsabilidade, e isto supón reflexionar e buscar solucións.

-Sería conveniente reformular a imaxe e o ideario do BNG?

-O ideario, se por isto entendemos ser unha forza comprometida co país por enriba de todo, é unha liña correcta. Se entendemos que as personas están antes cos mercados, apostamos por un modelo de cohesión social, de democracia real, con servizos que non dependan da renda das persoas, de achegar a xestión dos cidadáns e resolver os sus problemas, creo que iso está plenamente en vigor. O ideario é o acertado. Non temos que renunciar ao que somos. Agora ben, as ideas hai que actualizadas, acertar na forma de transmitilas, e niso estamos. Ninguén ten o 100 por cen da razón.

-Fala de liderados e transmisión clara da mensaxe, de actualizarse, pero se se mira ao BNG na cúspide está a mesma xente que fai 20 anos e a UPG...

-O problema non é de persoas. Agora estamos nun momento diferente. Máis alá de falar de renovación, estamos diante dun escenario distinto e estamos traballando entre todos para buscar o mellor para o BNG.

"Igual que non é negativo estar nun goberno, tampouco o é estar fóra"

-No concello de Vigo, o BNG local decidiu non entrar no goberno e situarse na oposición. Por que?

-Foi a decisión elexida pola asamblea local de Vigo, de reflexionar desde a oposición, marcar o perfil do partido e demostrar que o PSOE non é a lista máis votada.

-Non se corre o risco de que sexa o PP quen saque máis proveito?

-Todo depende de como traballemos. Da mesma maneira que estar no goberno non é por se negativo, tampouco penso que sexa negativo por se estar fóra del. Estou convencido que detrás hai unha estratexia clara de traballo, de compromiso con Vigo e de recuperar o apoio electoral.

-Pero resulta máis fácil facer isto desde un goberno que na oposición.

-Iso depende das fases.

-Non me dirá que é unha boa fase para que o BNG estea na oposición.

-Non, non. Repito o de antes, o BNG de Vigo adoptou unha decisión coñecendo as circunstancias da cidade e facendo unha interpretación correcta da mensaxe da cidadanía.

-O BNG de Ribadeo obtivo a maioría absoluta vindo de apoiar e formar goberno cun alcalde socialista...

-Nunhas eleccións non se conta só o que fas ti, senón o que fan tamén os demais e, á parte, outros contextos que veces te superan e nos que non podes incidir. Dependendo do socio que teñas, iso pode resultar máis difícil.

-Como se lle explica a un votante do BNG que se quere un bipartito na Xunta, no Concello de Vigo non e si no de Pontevedra?

-En función de realidades concretas. Non hai unha fórmula universal válida para todas as realidades. E logo o sistema de partidos galegos é basicamente a tres. Isto obríganos a cosntruír alternativas ao PP porque son negativas para os intereses do país. Pero cando se baixa ao nivel do concello, esa alternativa pode ter difentes expresións, un goberno de coalición, acordos de investidura con pactos puntuais… tal como sucede en Europa e noutras parte do Estado.