-Que opina do decreto da Xunta que levará ás comunidades de montes a ter que reinvertir o 40% dos seus ingresos en plans forestais?

-O obxectivo final, escuro, do decreto, é asegurar o negocio ás empresas forestais. Se fora para defender un monte funcional non entendemos por que a Consellería non aceptou unha achega nosa para a Lei de Montes aprobada no 2012, na que diciamos que o investimento obrigado no monte tiña que ser o que se define no plan de ordenación, un documento feito por técnicos e pola asemblea de veciños. Se un ano hai que investir o 20%, por que o 40 %? Para tirar cos cartos? E se o plan de ordenación che di un ano que o 90%?

-Pero ese 40% é un mínimo, pódese aumentar a discreción.

-Si. Pero para as comunidades de montes de zonas deprimidas, de alta montaña, tampouco se aceptou a nosa proposta de que aí o investimento obrigado tiña que ser un mínimo do 15%, revisable cada ano. Entendemos que nesas zonas o monte debe producir rendas que fixen a poboación. E cando hai incendio, praga ou catástrofe, obrigan a investir o 100%. Somos os máis perxudicados e aínda por riba obrigados a investir so no monte, non en obra social ou comunitaria. A filosofía non é mala pero habería que adaptala ás circunstancias. Ante un monte desigual, aplicar unha mesma igualdade é aplicar unha inxustiza.

-A creación das Sociedades de Fomento Forestal [Sofor] polo actual Goberno autonómico está relacionada con isto?

-Evidentemente. As Sofor foron un adianto desta historia. Son o mesmo que as Uxfor [Unidades de Xestión Forestal, un modelo societario xa desaparecido], pero cunha grande diferenza. Mentres que nas Uxfor decide a asemblea de propietarios, nas sociedades de fomento forestal é unha empresa a que as xestiona, que ademais ten que ser solvente. E para calcular os ingresos engaden as subvencións, que son finalistas: a comunidade ten que gastar os cartos na obra para cobrar a axuda, e aceptala vai significar que ten máis ingresos teóricos para calcular ese 40% destinado a investimento. E hai subvencións para traballos non forestais, como rutas de sendeirismo.

-O decreto tamén obriga a facer un informe anual sobre a execución da inversión realizada polas comunidades de montes. Aumenta a burocracia?

-Burocratiza totalmente. E se cometes un fallo, deixas de ter dereito a axudas. Se a lei permite que o investimento se faga en catro anos, o normal sería que a comunicación do investimento fose no quinto ano, para harmonizar a burocracia. E hai que ser máis flexibles. Isto é unha achega que lle facemos nós: por que vamos a impedir que unha asemblea poida investir no monte e melloralo? Pero cando chegue a algún funcionario lerá o que di no plan, e se te pasas do que di xa non se contabiliza. Tamén ten que haber unha revisión anual. Se ti presentas un plan de ordenación a dez anos e prevés un gasto 'x' no ano oito, ao chegar a el o gasto pode ser de 'x+y', debido a que poden cambiar os prezos, os salarios? Non se pode planificar a dez anos vista.

-Por que non acaba de despegar o monte veciñal galego?

-Falta unha política de montes axeitada á realidade. E digo de montes, non forestal, porque un dos problemas que ten a política de montes da Xunta é que é forestal, e é parcial, pois só é un aspecto. Se queremos un monte con futuro ten que ser multifuncional, abranger todos os seus usos e funcións. Con respecto ao monte veciñal hai un agravio comparativo, esíxennos cuestións que non lles impoñen aos montes privados. O obxectivo deste Goberno é privatizar, non a titularidade que ata agora non pode, pero si a xestión do monte veciñal. Hai unha liña de axudas da Consellería para productos madeirables que é boa, pero que non poden solicitar as comunidades de montes e si as empresas. Hai comunidades que poñen en valor o monte, pero fano en contra da política e contra vento e marea.

-É mellor a explotación colectiva, conxunta, ou a división en parcelas?

-Depende das características do monte. Nós defendemos a xestión comunitaria dos recursos, contratando persoal, con mancomunidades ou con cooperativas da xente da comunidade priorizando a mozos e mulleres. Así as plusvalías repercuten no monte e na súa zona de influencia e non nos centros de decisión políticos e das empresas. O monte non se pode illar do medio rural. Unha comunidade cun monte moi ben planificado, se non está dentro dun mundo rural vivo, non ten futuro, será pasto de chamas.

-É imprescindible que o monte sexa rendable para que non arda? Mirando á Mariña lucense, aló hai menos lumes.

-Os montes veciñais non arden se están postos en valor pola asemblea de comuneiros. A zona do norte de Lugo plantada de eucalipto non arde, pero tampouco os montes xestionados como o noso, que levamos 40 anos con especies sustentables, sen eucaliptos. Non é cuestión dunha produción ou doutra, senón de facer unha produción axustada á demanda dos comuneiros. Esa é a clave para que non haxa lumes a medio e longo prazo. Un monte sustentable é clave para que non arda. Poño un exemplo extremo: se a comunidade de montes decide que o seu vai ser para pasear, ese monte non arde, ou ten moitas menos posibilidades. Cando hai lume hai que adicar toda a atención a que faga o menor dano. E, aí nunca criticamos á Consellería, hai que atacar ao lume cando o haxa. Pero hai que solucionalo no inverno, facendo esas políticas que nós reclamamos.

-A Xunta combate máis as consecuencias do lume que as causas, na súa opinión?

-Evidentemente. No que é o combate de extinción do lume non temos nada que dicir en liñas xerais da Xunta, pero na prevención? Para nós, a prevención non é só ter os montes desbrozados, ter as pistas adecuadas. A verdadeira prevención é camiñar ata o monte multifuncional e sustentable. E a política do Goberno vai en contra desto.