A conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, animou onte aos concellos galegos a sumarse á promoción do leite de calidade Galega 100% e presentou este selo de garantía para que os municipios que o desexen se unan á campaña. Desde que o departamento autonómico puxo en marcha esta iniciativa o pasado agosto, moitas entidades locais xa amosaron o seu interese en participar. Quintana explicou que o obxectivo desta promoción é sumar esforzos na promoción do lácteo galego e evitar desta forma unha multiplicidade de mensaxes e marcas diferentes.

Con esta finalidade, a Xunta ampliou a campaña Galega 100% aos municipios que desexen adherirse de forma voluntaria e apoiar ao sector. O Goberno galego encargarase de poñer a disposición dos concellos e de balde o material promocional para que desde estas institucións os reproduzan da maneira que consideren máis axeitada.

A titular de Medio Rural destacou que os municipios, moitos con intereses leiteiros na comunidade, teñen unha grande capacidade para dar a coñecer esta marca entre os seus veciños.

Con esta iniciativa -indicou Quintana- a Xunta amosa a súa aposta pola promoción e o consumo de produtos agroalimentarios galegos e o compromiso da Administración galega co sector leiteiro. "Os produtos Galega 100% son garantía de calidade para os consumidores", aclarou Quintana, que ademais apelou ao seu consumo porque contribúen e redundan nos beneficios económicos para o sector lácteo e polo tanto, "nunha mellora no nivel de vida dos gandeiros galegos".

O selo de calidade Galega 100% identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados en Galicia. A materia prima que se emprega nos produtos amparados con esta marca procede en exclusiva de explotacións leiteiras que acadan de modo continuado parámetros de calidade superiores aos esixidos pola normativa comunitaria. Esta distinción ten como principal obxectivo facer posible que os consumidores recoñezan os produtos lácteos galegos de calidade diferenciada con tan só ver un selo. A marca e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), organismos no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.

Por outra banda, a Xunta pretende dar un respiro ás granxas máis endebedadas. Das máis de 9.300 explotacións censadas na comunidade, unhas 1.100 -o 12% do total- poderán beneficiarse dunha liña de axudas da Consellería do Medio Rural para inxectar liquidez con aportacións para a moratoria dos préstamos vinculados coa mellora das explotacións e coa incorporación de mozos á actividade agraria. A Xunta repartirá no periodo 2015-2017 un millón de euros, según a orden publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Con estas subvencións, os gandeiros non terán que pagar nin amortización nin intereses durante dous anos.