O conselleiro Román Rodríguez presentou onte na compostelá praza das Praterías o novo programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Galicia Culturea, unha iniciativa que durante os meses de xullo, agosto e setembro ofrecerá ao longo da xeografía galega unha completa oferta cultural e de ocio pensada para todos os públicos.

Esta programación porá en valor, para que cheguen ao maior público posible, as actividades organizadas e promovidas pola Consellería durante este período estival e terá presenza, segundo explicou Román Rodríguez, "en máis da metade dos concellos de Galicia", en concreto, nun total de 166 localidades das catro provincias e inclúe "preto de 600 actividades culturais e propostas de dinamización lingüística de rúa." A día de hoxe están pechadas un total de 589 actividades.

Na presentación, actuaron o grupo de música tradicional da Agadic, mais o mago Dani García, e o cantautor galego Manoele de Felisa. Participaron nela o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e os músicos de Hércules Brass Esteban Méndez e Víctor Vilariño.

A programación inclúe todo tipo de propostas e actividades culturais, desde a dinamización da lectura ou a dinamización lingüística de rúa, á música, ao teatro, á danza, ao novo circo, á maxia ou ao cine, pasando por obradoiros, visitas guiadas a mostras temporais, así como distintas actividades formativas e de fomento do talento da nosa mocidade. En palabras do conselleiro esta programación "está concibida cunha visión participativa, na que a xente sexa actor e protagonista e non soamente suxeito paciente da programación."

"Queremos -afirmou o conselleiro- visibilizar e achegar os distintos públicos aos creadores e artistas galegos, que se coñezan máis e mellor os excelentes froitos que hoxe en día dá a nosa cultura, promovendo ademais en todos os ámbitos, pero sobre todo entre os máis novos, o galego". Para rematar, Román Rodríguez concluíu que "ademais con Galicia Culturea búscase corrixir e mellorar a programación cultural" de xeito que esta sexa "equilibrada, plural, deslocalizada e de interese para todos os públicos."

Novas propostas

Entre as iniciativas que se estrean este verán cómpre salientar, por ir dirixida ao público infantil, un dos que máis goza das actividades realizadas no Gaiás, Deseños minúsculos, valores maiúsculos, catro obradoiros cos que se busca potenciar a curiosidade dos nenos polo deseño, estimular o seu talento creativo e sacar a relucir as súas aptitudes artísticas. Así mesmo, a Consellería organizou de forma específica para este Galicia Culturea un programa de concertos das formacións Zoar, Odaiko, Hércules Brass, Coro Cántigas da Terra, e das corais Cantigas e Agarimos, de Ruada e Toxos e Froles, Galicia Fiddle Orquestra, en 28 concellos de toda a xeografía galega ao longo do verán.