Este 2016 recoñecéuselle como Republicano de Honra pola súa representación do Movemento Guerrilleiro Galego, e as homenaxes non fixeron mais que comezar. Aos seus 85 anos, Camilo de Dios lembra toda unha vida de torturas, fame e frío. De loita. Como fillo de militantes do Partido Comunista da España republicana, veuse obrigado a fuxir aínda sendo un neno e unirse aos guerrilleiros na súa adolescencia, con tan só 15 anos. Tamén foi prisioneiro, estivo preso no cárcere da Coruña. Compartiu celda con compañeiros que terminarían os seus días no garrote vil.

Precisamente foi nunha prisión onde Camilo de Dios aprendeu a ler. Un grupo de alumnos de Comunicación Audiovisual, Miguel García, Alba Sánchez, Pedro Iglesias e Juan Pirola, recuperan a súa figura nun documental que estrean este próximo mes de outubro. Trátase dunha historia interactiva, que tamén conta con páxina web oultimoguerrilleiro.com. Leva por título Camilo: o último guerrilleiro de Galicia.

"A través da súa historia e da súa voz pretendemos recuperar a memoria histórica da guerrilla antifranquista", toda unha declaración de intencións. Non será o único traballo que honre a súa figura. Tamén este mes de outubro o seu nome soará no VI Congreso Internacional de Historia Oral de Arxentina da man da profesora do IES Neira Vilas e membro da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica Carmen García-Rodeja e de María Jesús Lama López, da Universitat de Barcelona. Pretenden profundizar sobre a participación de Camilo de Dios na resistencia á dictadura franquista, as estratexias de supervivencia que tiña a guerrilla de choque, a súa organización interna, as torturas, a clandestinidade... Toda unha vida de historias que non esquecer.