A Unión Europea intercederá ante España para que se faga unha investigación "independente" sobre o accidente do Alvia accidente do Alvia que descarrilou en Angrois o 24 de xullo de 2013 e que causou a morte de 80 pasaxeiros y deixou máis dun cento feridos. Ademais, a Axencia Ferroviaria Europea (AEA) amosa a súa dispoñibilidade para asistir ante os tribunais se así o solicita o xuíz Andrés LagoAxencia Ferroviaria Europea , que instrúe o caso Alvia. Son os dous principais avances da terceira reunión con representantes da Eurocámara desde que en novembro de 2015, invitados polo BNG, as vítimas acudisen por primeira vez a Bruxelas para que se investigasen tódalas causas do sinistro, peticións que tamén recollen no seu documental Frankenstein 04155, que este venres se proxectará ás 20.00 horas no centro Ágora. Para a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, a loita desde Europa permite que o caso se atope "nun momento clave" para anular a investigación que só se centra no exceso de velocidade do maquinista e se examinen tódalas causas.

-Despois das reunións da semana pasada, cales son os seguintes pasos que se darán?

-Neses encontros na comisión de peticións da Eurocámara debatíronse as demandas das vítimas que foran adiadas moito tempo polo boicot dos grandes partidos. A Eurocámara instou ao Estado a abrir unha investigación e agora temos dous camiños. Por unha parte, abrir un novo procedemento de infracción ao Goberno central polo incumprimento da normativa comunitaria no momento do accidente, petición que vai facer o BNG. A outra vía é que o xuíz chame a declarar a responsables da Axencia Ferroviaria Europea. Con que presenten o seu informe xa sería suficiente para darlle a vólta á investigación.

-Que probabilidades hai de que se produza ese xiro no caso?

-O informe da AEA é moi claro e destaca que a investigación da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF) non foi independente, tema que xa o Estado corrixiu coa creación dun novo organismo separado de Fomento, pero tamén que non se escoitou ás vítimas e que carece de rigor e non se examinaron tódalas causas. Estamos nun momento importante para que se dea un paso máis alá e se poida anular a investigación actual que se centra só no exceso de velocidade do maquinista.

-Ve avances no proceso xudicial que demostren que a análise de risco na liña Ourense-Santiago era obrigatoria?

-O perito César Mariñas, o único dos tres citados que é independente, acaba de presentar un novo informe no que destaca que se se realizase unha análise integral da liña, o perigo da curva de Angrois e o seu risco asociado sería evidente. Esta tese coincide ca denuncia que fixo o BNG ante a UE sobre o incumprimento da normativa europea por parte do Estado porque só se fixo un dos cinco controis necesarios para os trens de alta velocidade e ademais non se realizou unha avaliación preceptiva. O tren non debería estar circulando ao non pasar ese control previo porque non era seguro, algo que tamén se denuncia no documental das vítimas no que se destaca o exceso de peso.

-Confía en que as vítimas consigan darlle a volta ao caso?

-As vítimas só foron escoitadas en Europa e agora hai a oportunidade de desmontar un sistema de Estado de silencios sobre tantas mortes que impediu a creación dunha comisión de investigación no Congreso. Tamén esa presión política sobre a Comisión Europea foi o que impediu que se tardase tanto en coñecer o contido do informe da Axencia Ferroviaria Europea.

-Que logros se acadaron coas reunións dos afectados nas institucións europeas?

-A única esperanza que quedaba era Europa. Se as vítimas non chegan a vir en novembro de 2015 a Bruxelas invitadas polo BNG este tema estaría pechado. De feito a movilización que xurdiu despois de coñecerse o informe da AEA permitiu que a Audiencia da Coruña reabrise o caso. Despois da terceira reunión a semana pasada nun par de meses celebrarase a cuarta.

-É o xulgado, sen embargo, o que ten a última palabra...

-O xuíz é o que a última palabra pero debería entender o contexto social que clama probas supranacionais e sensibilidade para traer os máximos expertos neutrais, que neste caso serían os responsables da AEA. Sería escandaloso que non os citase porque se perdería oportunidade única para rematar co ocultismo e a falta de rigor neste caso.