Hai persoas que usan a súa vida para facer o ben, que non entenden estar aquí sen deixar a súa aportación para un mundo mellor e mais xusto.

David Álvarez era un deles.

Nacido no 1922 en San Martín de Suarna (A Fonsagrada) houbo de vivir os avatares duns tempos convulsos. Participou da emoción da República dos mestres e dos agraristas, e viviu a represión posterior ó golpe de Estado. Dunha familia humilde pero interesada pola cultura, sempre tiña libros que ler e sobre os que debater. Marchou de mozo a Fonsagrada a traballar de reloxeiro, oficio que require xeito e coidado, como todo o que él facía. No ano 1948, con 26 anos, segue a ruta da emigración -tal como fixera parte da súa familia- e marcha para Bos Aires. Alí vive nun mundo cosmopolita e culto, participa nos movementos sociais que estaban en activo e colabora cos exiliados para loitar contra a falta de libertades en España, o que lle leva por primeira vez a prisión. Estando no cárcere ingresa no partido comunista.

No ano 1962 é reclamado para organizar en Galicia o P.C. e deixa a vida urbana, e parte da familia, para seguir na procura do ideal de xustiza e liberdade na que sempre creu. Só por estar nese partido, que era clandestino, foi torturado e encarcerado en Vigo e Carabanchel.

Cando saíu voltou á Coruña onde todos o recordan, xa maior, vendendo o periódico Mundo Obrero e perseguido pola policía unha e outra vez. Nunha das detencións no cuartel da Garda civil, e mentres esperaba para os interrogatorios, viu que había un reloxo parado. David Álvarez ofreceuse a poñer en hora aquel vello armatroste.

Nese mundo escuro, parado e silencioso tivemos, por sorte, a David para loitar polo que é xusto, non desfalecer nunca, e axudar, como con aquel vello reloxo, a poñer o mundo a andar.

Marchousenos discreto e humilde, como él era.

Despedimolo en silencio, no cementerio de San Martín de Suarna, no vale máis fermoso da montaña lucense.