As batidas ou controis poboacionais do lobo autorizados pola Xunta durante o ano pasado saldáronse con cero capturas e na década anterior autorizáronse 75 con 17 lobos abatidos, segundo datos de Adega a partir de información do Goberno galego. Non obstante, centos destes animais morren "pola porta de atrás", polo furtivismo e a "persecución ilegal", advirten dende a asociación ecoloxista. Martiño Nercellas, biólogo e vogal de Biodiversidade da entidade, sinala que se estima que o número de lobos que estarían a morrer "ilegalmente" (caza, veleno, trampas tipo lazo e cepos) viría sendo "case igual" cos que nacen. "Podemos estar falando de que en Galicia se matan ao ano entre 200 e 300 lobos", calcula, un "fenómeno" que na súa opinión explica por que o tamaño da poboación se mantén "estancado" dende os 80.

Dese xeito, incide en que a situación do mamífero na comunidade é "preocupante", aínda que, con todo, e facendo un repaso da normativa que atingue á especie noutras autonomías, "dentro das responsabilidades e o papel das administracións, a situación en Galicia resulta a máis favorable". E é que agás ao sur do Douro, onde o lobo se atopa "estritamente protexido", no norte a súa caza depende da comunidade e nestes momentos está nos tribunais.

Así, explica, en Castela e León o plan de xestión, anulado polos tribunais agora, permitiría abater 140 lobos nos vindeiros tres anos. En Cantabria está recollido o Protocolo de regulación do lobo nos Picos de Europa e Ecoloxistas en Acción está valorando iniciar accións xudiciais ao entendelo contra a legalidade. En Asturias, conta, a especie está protexida sobre o papel pero o Goberno aprobou un programa de "control" sen control de cupo para un terzo do territorio, feito que tamén está nos tribunais. En Galicia, indica o biólogo, a xestión do lobo conta cun plan, cuxa revisión e actualización está anunciada pola Consellería de Medio Ambiente, que non se chegou a xudicializar. Non obstante, Adega trasladou o ano pasado á Fiscalía as súas "dúbidas" sobre que as autorizacións para batidas e controis se "sustentaran en criterios e protocolos previstos no Plan do Lobo". Aínda que a Fiscalía non viu indicios de delito, para o resto do ano non se autorizaron máis batidas, apunta Nercellas.

Nercellas incide en que nas comunidades nas que hai aprobado un plan de xestión do lobo este é un instrumento de protección de obrigado cumprimento que prevalece sobre o resto das medidas de xestión que afectan á especie. Ese plan, explica Adega, dispón que para que haxa controis poboacionais deberase comprobar a ineficacia dunha avaliación técnica dos danos sobre o gando, o grao de conflictividade social e o estado poboacional do lobo, que deberá ser obxecto de seguimento.

Para Nercellas, é a prevención "o camiño a seguir para favorecer a coexistencia entre lobo e gando". Nese ámbito, advirte de que malia que hai dous anos houbo unha suba das axudas para danos do lobo e medidas preventivas, "estanse reducindo outra vez". "Mentres que non se melloren as contías de pago e o trámite para efectualos a percepción do lobo continuará medrando en negativo", advirte. Para Adega, deben eliminarse trabas burocráticas para os pagos, que deben ser "inmediatos" nos casos máis "claros".