O Ministerio de Fomento anunciou que tomará "as medidas oportunas, entre elas a posibilidade de levantar as barreiras da peaxe", na AP-9, pero precisou que só "en casos moi concretos" de "situacións excepcionais" e "despois da pertinente análise". Audasa, a concesionaria da autoestrada, circunscribe esta "posibilidade" así como o reforzo da inspección na área metropolitana de Vigo "até o fin dos traballos con afección ao tráfico" na ponte de Rande, que o propio ministerio comprometeu para o vindeiro 31 de maio.

O ministerio que dirixe Íñigo de la Serna avanza que habilitará en Rande "un dispositivo especial para a operación de tráfico do Día das Letras Galegas". Así, até o domingo 20 "funcionarán cinco dos seis carrís da ponte" e nesa última xornada "quedarán habilitados todos os carrís de circulación sen restricións para o regreso da ponte".

Fomento comprométese "traballar as 24 horas do día, mesmo en fins de semana, para finalizar a segunda fase da actuación correspondente a traballos nos antigos tirantes da ponte que implican afeccións diúrnas ao tráfico até o 31 de maio". Desta forma, sinala que se establecerán "medidas adicionais que minimicen as afeccións os luns e venres", coincidindo coas horas punta semanais.