Ademais de na dubidosa eficacia que tiveron os métodos de biorremediación para limpar o fuel que verteu o Prestige en novembro de 2002, todos os expertos consultados coinciden en que só é cuestión de tempo que algún dos centos de petroleiros e cargueiros que cada ano pasan diante das costas galegas volvan provocar outra castástrofe ecolóxica. Por iso resulta vital a lección aprendida durante a marea negra que hai cinco anos tinguiu de negro o litoral. "Cando o Prestige, faciamos todo sobre a marcha", recoñecen desde o Cepreco, o centro que en novembro de 2004 substituíu o Comisionado que coordinaba os operativos de limpeza. Agora, cando o dispositivo xa rematou e só se actúa "baixo demanda" (cando aparecen galletas de fuel nalgunhas praias), a comunidade científica chegou a moitas conclusións das que haberá que botar man no caso doutra marea negra. Moitas delas están recollidas en libros e compendios editados polo Goberno, e outras foron postas en común en xornadas e seminarios como o que mes pasado organizou a Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), ¿Qué aprendimos de la catástrofe del Prestige?

-A importancia da recollida no mar. A fase máis importante da limpeza é a que se desenvolve nos primeiros días: é fundamental recoller a máxima cantidade de petróleo no mar antes de que chegue á costa, onde xenera moitos máis residuos: unha tonelada de fuel vertido no mar convértese en 10 toneladas de residuos ao recollelo na terra, só o 10% de todo o que se recolle nas praias é hidrocarburo, o resto é area, pedras, algas... No caso do Prestige, a marea branca dos voluntarios permitiu que esta primeira fase da limpeza, na que é preciso contar con moitos operarios, fose bastante exitosa.

-O mercado das bacterias. Os métodos de biorreforzo (engadir bacterias) e bioestimulación (engadir nutrintes e fertilizantes), no caso de que sexan eficaces para o hidrocarburo vertido e o tipo de costa afectada, resultan bastante baratos, entre dous e seis euros o litro -hai que botar entre 60 e 100 mililitros por metro cadrado-. O aceite que se probou nas Illas Atlánticas e que logo se aplicou a outras zonas era dunha marca comercial que se usa para limpar as vías do tren. Nos penedos do Sorrizo botouse biodiesel de xirasol. Hai quen denuncia o "oportunismo" dalgunhas empresas petroleiras que aproveitan para subir o prezo das bacterias que elas mesmas comercializan.

-O equilibrio natural. Un dos puntos no que máis inciden os científicos que coordinaron os labores de limpeza da marea negra do Prestige é na necesidade de reflexionar sobre onde actuar. Hai zonas do litoral de difícil acceso, que non teñen valor económico, medioambiental nin turístico nas que a acción humana para limpar alteraría máis o medio ca toxicidade do fuel, que pode ser controlada pola forza do mar e o paso do tempo. Ademais a limpeza dunha marea negra é un proceso moi lento: hoxe en día, aínda hai praias como a do Rostro, en Fisterra, na que cando hai temporal aínda aparecen restos de fuel baixo terra, mesmo a dous metros da superficie. Estas hidrodinámicas foron o obxecto dun estudo da universidade de Cantabria e a de Vigo. E tamén hai que ter en conta que as mareas negras só supoñen o 5% da contaminación por hidrocarburos no mar. O 50% vén dos residuos xenerados nas cidades.

-O ADN dos hidrocarburos. Á hora de deseñar un operativo de recollida e limpeza dunha marea negra, é fundamental coñecer con exactitude as características físico-químicas do hidrocarburo vertido. O que levaba o Prestige, por exemplo, tiña compoñentes asfálticos que o facían moito máis denso e viscoso e, polo tanto, menos susceptible de métodos como os da biorremediación. Cada cargamento de fuel, cru ou fueloil é diferente, dependendo entre outras cousas de onde fora refinado. Os que veñen da Arabia Saudita, por exemplo, son máis lixeiros cos dos pozos mexicanos. A Universidade da Coruña participou nun proxecto, chamado Eurocrude, que permite identificar esta especie de ADN de cada vertido para así poder, por exemplo, saber de que barco proceden os sentinazos que sofren as praias.