Miguel Anxo Murado dirixiu os experimentos de biorremediación que o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) fixo no Parque Nacional Illas Atlánticas, e que logo se aplicaron con produtos oleosos a centos de hectáreas da costa coruñesa. Sen embargo, non dubida en facer autocrítica do aspecto científico da marea negra.

-Que lle pareceu a resposta da comunidade científica galega ao vertido do Prestige?

-Nin as autoridades políticas nin as científicas estivemos á altura das circunstancias. Os científicos protestamos moito e despois o Goberno, para ternos contentos, subvencionou un montón de estudos e proxectos, e o 90% deles foron superfluos. Todos eses cartos estaban moito mellor investidos en produtos dispersantes.

-Como foi a relación cos políticos?

-O que queren os políticos sempre é unha limpeza rápida. E sempre hai que asumir que calquera método vai ser un proceso lento. En Baiona aínda hoxe hai pedras manchadas do fuel do Polycomander, que foi en 1970, porque tampouco hai por que intervir en todas as zonas, hai sitios nos que abonda coa forza do mar.

-O operativo de limpeza do fuel do Prestige foi, en grandes liñas, eficaz?

-O que funcionou moi ben foi a recollida, á man ou no mar, dos primeiros días. Foi un éxito porque había moita xente, cos voluntarios. Esa primeira fase é fundamental, é moi importante recoller canto más residuo se poida antes de que chegue a terra.

-Que habería que mellorar como previsión para outra marea negra?

-Habería que facer máis estudos, por exemplo, sobre toxicoloxía ambiental, para saber que produtos dos que se usen para limpar un vertido de hidrocarburos e até que cantidades poden ser bos ou malos para o medio. En Galicia non hai moita literatura científica sobre o tema.