A praia do Sorrizo, en Arteixo, foi unha das máis afectadas pola vertedura do Prestige.

E foi tamén un dos lugares nos que se experimentaron métodos de biorremediación, primeiro por encargo dunha empresa privada que quería testar a eficacia dunha das bacterias que comercializa, e logo como parte dunha investigación da Universidade de Santiago financiada con fondos públicos. As probas con bacterias deron o mesmo resultado cas feitas nas Illas Atlánticas polo CSIC: apenas aceleraban a biodegradación. Daquela, os investigadores, dirixidos por Juan M. Garrido, probaron a mollar as rochas con biodiesel de xirasol, un producto con baixos índices de toxicidade e que se elimina do medio aos poucos días da aplicación. Os resultados foron moi positivos, tal e como se observa nas imaxes: o biodiesel acelera nun 50% a eliminación dos restos de fuel pegados nas rochas.