M. C. S. | PONTECESO
Un 8 de febreiro de 1835 naceu "na pequena Ponteceso" un neno chamado Eduardo María Pondal. Este poeta segue moi vivo na súa aldea natal, polo que onte, cando se cumpriron 175 anos do seu nacemento, alumnos de primeiro de Bacharelato do instituto que leva o seu nome rendéronlle unha nova homenaxe. Os mozos realizaron un percorrido polo territorio máis íntimo do autor durante a súa nenez e recitaron algúns dos seus poemas máis coñecidos.
Os actos comezaron cunha ofrenda floral diante do monolito pondaliano, onde recitaron o himno galego ao son da gaita dun alumno do centro. Logo dirixíronse a súa casa e alí puideron coñecer algúns detalles sobre a vida do bardo e o nacemento do pobo de Ponteceso, xa que esa zona era un xuncal que se convertería nun porto importante da época. A carón da vivenda tamén recitaron o poema que leva por título Eu nacín na pequena Ponteceso, que recolle algúns dos seus principais recordos.
O percorrido dos alumnos continuou co roteiro Val Nativo, creado recentemente para reivindicar a figura do poeta. Nunha parada no Couto houbo unha solta de pombas e repenique das campás da igrexa parroquial de San Tirso de Cospindo para lembar ao bardo bergantiñán. O acto rematou na antiga rectoral de Cospindo, hoxe convertida en sede da Fundación Eduardo Pondal, cun visionado de videos pondalianos, cancións e recitais poéticos.
Esta homenaxe foi organizada polo equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do instituto Eduardo Pondal e a Fundación. No percorrido participaron uns cincuenta alumnos e dous membros do patronato da Fundación: Luis Giadás e José María Varela, que foron os encargados de ir desvelando algúns dos segredos do autor durante a camiñata polo legado que deixou Eduardo Pondal.