NURIA RODRÍGUEZ | BETANZOS
Hai anos que as administracións falan de achegar as novas tecnoloxías á cidadanía e con tal motivo, as aulas de informática municipais ou telecentros, como se lle deu en chamar, organizan cursos de alfabetización dixital e de manexo de determinados programas.
O telecentro de Betanzos, sen embargo, quere dar un paso máis á hora de pór as novas tecnoloxías ao servizo dos veciños e pretende ofrecerlles a posibilidade de contactar cos seus familiares no estranxeiro mediante videoconferencia. Así o anunciou onte a alcaldesa brigantina, María Faraldo, durante o acto de apadriñamento do novo telecentro de Celanova, en Ourense. "En Bos Aires reside un colectivo moi importante de betanceiros e hai xente, moita dela maior, que hai moito que non ve aos seus familiares, así que estamos traballando nesa idea", explicou.
De feito, a rexedora apadriñou a "posta de largo informática" do centro celanovés -tal e como a definiu o alcalde desde último municipio, o tamén popular Antonio Mouriño- mediante videoconferencia. Foi Celanova quen, a petición da Xunta, escolleu Betanzos para este acto, municipio co que comparte certas características, coma a posesión dun casco histórico e dunha economía baseada nos servizos. Tamén son dous concellos con ríos importantes e nos que a emigración "xogou un papel fundamental", tal e como subliñou María Faraldo.
A petición do alcalde celanovés, Faraldo explicou que o telecentro de Betanzos leva case tres anos en marcha e que convoca uns corenta cursos por ano aos que asisten arredor dunhas 400 persoas. No tocante ao seu horario, a rexedora brigantina manifestou que ata o de agora dependía do sector ao que fosen dirixidas as clases -para comerciantes deben comezar a partir das 20.30 horas- e anunciou que en breve, o Concello, en colaboración coa Xunta -o telecentro brigantino, ao igual que o de Celanova, forman parte da rede Cemit- convocará unha praza permanente para a súa xestión.
Tras as intervencións dos respectivos alcaldes abriuse un turno de preguntas que foi inaugurado pola presidenta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos (Acebe), Antonia Anido, e que continuou coa representante da Asociación de Mulleres Rurais de Celanova e coa da Casa Museo Curros Enríquez, que pretende iniciar algunha colaboración no eido literario coa Cidade dos Cabaleiros.
De feito, na sala atopábase onte un dos membros de Garelia Teatro, Julio Fernández, quen invitou aos escritores noveis de Celanova a remitirlles as súas obras para unha posible representación.