"Mentres eu siga cantando as persoas que me transmitiron as coplas seguirán estando vivas", conta Rosita, veciña de Ponteceso que participou na bitácora Ponte na fala, onde se recollen lendas, contos e poesías populares da zona. Rosita, que se criou no porto de Corme e durmía nun sobrado enriba dunha taberna pola que pasaban moitos mariñeiros, lembra como se agochaba nas escaleiras para escoitar as súas coplas que agora volve a cantar nas gravacións que aparece no proxecto. Desde xuño que comezou a funcionar a bitácora xa son vinte as persoas que se animaron a colaborar e mirar cara o pasado para recuperar a literatura oral popular.

O proxecto chega ao seu ecuador porque, como confirma o seu promotor, Xosé Antonio Formoso, seguirá en activo até o mes de outubro, pero confía en que despois os centros escolares se fagan cargo do traballo. Para poñer broche de ouro a esta proposta, financiada en parte pola Secretaría xeral de Normalización Lingüística, celebraranse unhas xornadas con obradoiros e a participación dos protagonistas. A idea inicial era celebrar un minifestival con propostas musicais e formativas que houbo que desbotar por problemas de financiamento.

A bitácora é o principal medio onde se almacenan as pezas gravadas acompañadas de fotografías dos protagonistas e dun texto no que se explica a súa relación coa poesía e a narrativas populares. Nalgúns casos, como o de Genoveva, ademais de recoller historias dos seus antergos escribe os seus propios poemas como un sobre a traxedia do Prestige que se usou nos centros educativos de Ponteceso. Para Formoso é unha forma de involucrar á xente pero non por eso quere que se desvirtúen os obxectivos de Ponte na fala de recuperar as tradicións de Ponteceso e aparte tecer unha rede de colaboración coas asociacións do municipio que lle axudan a localizar as testemuñas. Na páxina http://pontenafala.wordpress.com/ os 2.200 visitantes que xa a coñecen puideron ademais localizar as lendas nun mapa da zona ou a sección Para usares con propostas gastronómicas ou adiviñas.