A semana pasada, Antón Sánchez descargaba caixas de patacas para algúns dos postos do mercado de San Agustín na Coruña e dentro duns días defenderá o ideario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) no Parlamento de Galicia. Antón Sánchez, que naceu en 1974 en Alacante porque seu pai, o histórico Crisanto, estaba alí de mestre, é concelleiro de Asembleia de Bergondo (escisión do BNG), número 3 de AGE e un dos dous representantes da comarca coruñesa no Hórreo.

-Traballa o campo, nun negocio de horticultura ecolóxica de venta directa. Como se ve un labrego no Parlamento?

-É necesaria xente de todas as profesións e clases sociais nos órganos de decisións e é necesario que estea un labrego, é máis ca un símbolo, é un indicativo da política de Anova, de contacto coa realidade, co campo e o pequeno comercio.

-Vai compatibilizar o traballo no campo co labor de parlamentario?

-Eu seguirei axudando pero vaise incorporar a miña muller á nosa pequena empresa, agora que quedou no paro tras once anos nunha empresa de construccións civil, outro exemplo da realidade de hoxe. Non queremos parar o negocio.

-A defensa do campo galego será a súa prioridade no Parlamento.

-O labrego, pero sobre todo o gandeiro, como dixo Beiras, está sendo exterminado. Eles fixeron os seus deberes, tecnificáronse, pero a cambio non lles deron o que lles prometeron, como un grupo lácteo galego público. Venderon aos gandeiros. Comigo no Parlamento, a cidadanía participará directamente, eles non van deixar que os defraude, vanme apoiar pero tamén a esixirme.

-E seguirá como concelleiro en Bergondo?

-Si, teño un compromiso cos veciños de Bergondo e de feito estou en débeda con eles, estoulles moi agradecido polo resultado, somos a segunda forza do concello. En Bergondo somos un grupo que levamos seis anos traballando, un labor moi bonita e que da gran satisfacción.

-En Bergondo AGE entrou con forza a costa do PSOE e sobre todo do BNG, que perdeu ata oito puntos. Un BNG do que vostede formaba parte.

-Nós abogamos pola unidade de acción, moito máis nos concellos pequenos. O BNG nunca foi o inimigo, teño moitos compañeiros aos que aprecio. O PP baixou espectacularmente en votos, perdeu 150.000, sufriu un desgates moi grande pero PSOE e BNG afundíronse.