A lingua galega tamén se pode promocionar tras a morte dun galegofalante e dunha persoa comprometida co seu idioma. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo levará a cabo unha iniciativa que se presentará esta tarde para que todas as persoas que o desexen poidan "expresar a súa galeguidade" despois do seu pasamento, segundo explica o concelleiro responsable do servizo, Xosé Regueira. "Trátase de algo tan normal como facer que unha persoa que falou galego toda a súa vida tamén o poida expresar na súa morte", resume Xosé Regueira.

Na presentación desta campaña varias persoas a título particular asinarán a declaración Galeg@ para sempre, na que se recoñece a lingua como factor principal da galeguidade e coa que se quere facer público o desexo de, unha vez chegada a morte, ser lembrado en galego en actos fúnebres como funerais, recordatorios, lápidas ou necrolóxicas, entre outros. Neste acto tamén están convidadas as funerarias con presencia neste municipio, que asinarán un compromiso de fomentar o galego e de preguntarlles ás familias en cada caso, que lingua queren que se empregue na lápida, nos recordatorios, nas necrolóxicas e incluso nas flores depositadas polos seres queridos.

O cura párroco de Carballo, José García Gondar, tamén fará unha declaración de compromiso e da importancia do uso do galego nos actos relixiosos que se ofician habitualmente.

Segundo indica o concelleiro responsable de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, o principal obxectivo da iniciativa é fomentar o galego en todas as cuestións relacionadas coa morte, e en resumo, "procurar que as persoas que viven en galego tamén morran en galego". O edil insiste en que a lingua galega apenas ten presencia en cuestións relacionadas con actos fúnebres e destaca que en cemiterios como o de Carballo case non se emprega, a pesares de que a maior parte da poboación fala galego. Nas necrolóxicas dos xornais ocurre o mesmo e soamente se emprega o galego en arredor dun 1%. "Se falas inglés a túa lápida tamén vai aparecer en inglés, entón se falas en galego o normal sería que aparecese en galego", matiza Xosé Regueira.

O Concello de Carballo quixo presentar esta iniciativa en vésperas das celebracións de Todos os Santos e Difuntos, aproveitando que son moitas as personas que acuden aos camposantos a visitar aos seus seres queridos. A campaña darase a coñecer hoxe ás oito da tarde no salón de plenos do Concello carballés.