-Na actualidade, o museo exhibe fotos antigas de Cambre.

-Iso foi unha estratexia para impulsar o museo, ademáis das Xornadas Castrexas e as exposicións temporais, a recuperación da memoria. Empecei hai anos a compilar fotos, busquei a maneira científica de catalogalas e agora hai 14.000 arquivadas.

-Tamén se reúnen nun libro.

-Para darlles valor, fixemos as exposicións e o libro, levamos cinco. Na inauguración da exposición houbo máis de 200 persoas. Todo isto non se podería facer sen a vontade resolutiva das autoridades municipais.

-Cal é a súa peza favorita do museo?

-A que amosa a pegada dunha sandalia romana no barro. Emociona porque ves que houbo unha persoa, seguramente unha nena, que pisou cando o barro estaba aínda mollado, facendo a gamberrada.

-Ao mellor non se deu conta.

-Seguro que si. A xente é igual hai 2.000 anos que agora nese sentido, e un neno é un neno. Eran sandalias de madeira e debaixo poñíanlles como chinchetas, e quedaron aí postiñas. Iso é impresionante.

-Vaise excavar máis?

-Non está previsto.

-E non lle gustaría?

-Home, claro. Pero o fundamental da vila romana está destruído e o que queda agora vai cara a igrexa; o que habería está debaixo.

-De cando data a igrexa?

-Do século XII. Fumos construíndo uns enriba dos outros. O que é a miña ilusión é excavar o castro, que está aquí a cen metros do xacemento. Eso si sería importante para Cambre. Pero non hai cartos e tiña que ser propiedade municipal.

-E non é?

-Hai unha parte que si, uns 4.000 metros cadrados, pero iso non é nin un tercio do castro. En Galicia hai arredor de 6.000 castros e excavados, 40.

-O museo ten moitas visitas?

-Si. Polo das fotografías están vindo 20 ou 30 persoas diarias.

-E polos restos romanos?

-Tamén. Este verán houbo máis de vinte persoas diarias de media. Houbo veráns en que caeu o turismo polo Prestige e despois pola crise, pero este ano recuperouse. O museo está colocado nun lugar estratéxico. Aquí o recurso fundamental é a igrexa.

-Como se poderían aproveitar a igrexa e o museo para darlle vida a Cambre?

-É que todo son sinerxias. Se houbera uns hoteliños? - o río, o outro recurso máis importante, o paseo fluvial, debería ter unhas zonas de descanso e algún merendeiro. Pero iso xa non depende do Concello.

-E o Camiño Inglés?

-Onde hai un albergue, hai dous ou tres bares. Pero hai que mirar que sexa rentable. O Camiño Inglés é máis cousa da Coruña. - A Coruña sempre lle deu un pouco as costas ao Camiño Inglés.

-A xente de Cambre é consciente do que ten aquí?

-Nas Xornadas Castrexas, a visión do castro tanto da xente corrente como dos políticos cambiou bastante desde que hai isto. Aquí hai xente nova con cultura media alta que aprecia estas cousas. Aínda que hai de todo: sempre hai o que che di que son catro pedras.