Pelo vermello, ollos verdes e penquiñas na cara. Así é María de Oleiros, a moza prototipo de habitante deste municipio que é empregada polo Concello para ensinar como se poden facer xestións sen saír da casa gracias á sede electrónica desta Administración local.

María de Oleiros é un debuxo semellante ao que podería facer un neno. Esta rapariga explica, dun xeito que é imposible ser máis claro e didáctico, qué xestións se poden facer dende a páxina web do Concello de Oleiros e cómo se fan paso a paso. María eríxese así no contrario doutro famoso asistente na internet, o odiado clip do programa Word.

Este personaxe naceu coa creación e difusión, mediante charlas informativas, da sede electrónica do Concello, hai unhas semanas. María de Oleiros ten perfil en Facebook e Twitter e xa conta cun cento de Me gusta.

Dende estas redes amosa un vídeo onde se presenta como veciña de Oleiros dende hai catro anos, ensina a súa casa e cómo facer para que che veñan recoller os mobles á casa e non tiralos na rúa. Tamén informa do tempo e o estado do tráfico e incluso colga noticias dos xornais. María responde perfectamente ao oleirense medio: segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE) é unha muller de 36 anos que se chama María ou Maricarmen e veu vivir ao municipio dende outro concello da área metropolitana coruñesa.