"Catro vívoras ocultábanse: eran eles os caciques de Santa Cruz. Informados por labregos traidores estes catro amos do lugar só agardaban o momento favorabel para lanzarse sobre nós. Amencer do día 2 de agosto. Á porta da miña casa, un home". Así relata Syra Alonso no seu diario cómo prenderon por primera vez ao seu home, o pintor Francisco Miguel, despois de ir buscalo á súa vivenda, unha casa que todavía está en pé na localidade de Santa Cruz en Oleiros á que o matrimonio chamaba A Casa da Felicidade. Nela viviron pouco máis dun ano, ata que Francisco Miguel foi paseado en setembro de 1936.

A biblioteca municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz expón estes días unha mostra en recordo da parella. A biblioteca, o Concello e o instituto Miraflores s tamén organizan un roteiro cultural, que se fará próximamente, no que a casa do matrimonio será unha parada obrigada. Nesta vivenda viviu Francisco Miguel e Syra Alonso xunto cos seus tres fillos e nos diarios que escribiu ela tras o asasinato do home sempre lembrou este fogar. Nestes diarios tamén cita con nomes e apelidos a veciños de Santa Cruz que traizoaron ao seu home e que causaron a súa morte. Ao longo da súa curta vida Francisco Miguel retratou moitas veces a Syra (hay un último debuxo feito en Oleiros). O Concello de A Coruña posúe 42 debuxos do artista.

Francisco Miguel Fernández Díaz naceu en A Coruña en 1897. Rexentou a Librería de Arte na rúa Real en A Coruña, onde facía tamén tertulias con intelectuais galegos. Este debuxante e pintor amais de libreiro casou en 1920 con Syra Alonso, moza dunha familia da burguesía comercial coruñesa que será tamén a súa musa.

Syra tivo un fillo en París tras ter primeiro un aborto, o que lle causo unha sordeira progresiva. Tras unha estadía breve nunha finca en Cambre, foron a Cuba e logo a México onde coñeceron ao poeta León Felipe, ao muralista Siqueiros e á poeta Blanca Luz Brum. En México Syra e Francisco Miguel terán dous fillos máis. Anos despois, o 10 de novembro de 1933 voltaron a España. Primeiro pasaron un ano en Madrid e logo foron a Galicia e ficaron na casa de Santa Cruz.

Unha denuncia falsa dun antigo militar afincado en Santa Cruz motivou a detención de Francisco Miguel en agosto de 1936. Syra Alonso no seu diario lembra o nome do denunciante, Ventura Ose, e asegura que Francisco Miguel foi o que convenceu a un grupo de obreiros refuxiados no seu fogar de non atentar con bombas de man contra a casa do militar e a muller. Non houbo atentado pero sen embargo Ose denunciounos a todos.

Ao pintor acusárono de ser un "coñecido líder marxista" que o 18 de xullo de 1936 saiu "con cincuenta labregos armados co fin de atacar o glorioso exército nacional". Tamén o acusaron de "propagar rumores de incautación de armas", segundo relatou Syra Alonso.

Alonso fixo todo tipo de xestións con desesperación para liberar ao seu home do cárcere e logrouno o 15 de agosto. "Foi un dos días máis felices da miña vida", escribriu no seu diario. Foron cara a "Casa da Felicidade" para festexar a liberdade pero de novo foron petar na porta para prender a Francisco Miguel. "Xulio Pita, Fernando Pita, Horacio, O Petexo e dous labregos", son os "traidores" que nomea a muller nos seus diarios coma os que levan ao home ao cuartel da Garda Civil de Oleiros. O artista xa non volveu. O 28 de setembro os franquistas fendéronlle a cabeza e cortáronlle as mans antes de fusilalo, ao igual que fixeron co cantautor Víctor Jara, e foi enterrado en Bértoa (Carballo). A amputación das mans como maneira de castigar o talento por parte dos que tiñan o poder pero non a cultura nin a intelixencia.

Syra e os fillos fuxiron de Santa Cruz ante a represión que sufriron trala morte do pintor e viaxaron de novo a México, onde ela morreu en 1970. "¡Adeus praia da Aguieira! ¡Adeus montes de Mera!", escribiu Syra nos diarios (escritos en Tordoia e en México) e que foron publicados en 2000 por A Nosa Terra despois de traelos de México o seu fillo Juan Ramón.