Área comercial en Iñás, área industrial en Perillo, urbanizacións de chalés, locais de hostelería... Pero en Oleiros a día de hoxe aínda se atopa algo tan xenuinamente galego como a vaca. O Instituto Galego de Estatística (IGE) só ten datos ata o ano 2011, data na que había 34 cabezas de bovino (bois, vacas, touros, tenreiros). Vacas, vacas, agora hai moitas menos. "Que eu coñeza, hai un home en Dexo que ten unha e que se vai desfacer dela porque xa é maior e outro en Lorbé que ten dúas, e eu, que teño tres aquí en Mera", conta Manolo Vieiro, propietario de Pilar, Claudia e Mónica.

Pilar é a vaca máis vella, xa ten os 14 cumpridos, e é un fermoso exemplar do país, roxa, de longos cornos e moi peluda. "Crías xa leva máis de cincuenta, pero tenreiros criados moitos máis, porque cada vez que pare, eu compro outros dous pequenos porque ten leite para tres. Despois de tres meses traiolle outros dous... e así cría ata sete cada vez que pare", explica Manolo.

Pilar, aos seus anos, viviu o seu momento de gloria o pasado Nadal cando fixo de vaca no belén vivinte que se celebrou en Montrove. "Trouxen a Pilar porque é a máis mansa, as outras son máis bravas. Son vacas pouco acostumadas á xente porque están soas nos prados todo o ano, día e noite, faga frío, chova ou neve. Son vacas moi resistentes, están inmunizadas", sinala este veciño de Mera pero nacido en Lorbé, onde acorda que houbo vacas na súa casa "toda a vida".

Esta vaca loura, segundo a organización do Belén, portouse de marabilla. En todo momento estivo acompañada do dono, Manolo, que tamén por primeira vez na sua vida fixo de actor, co papel de pastorciño. "A experiencia gustoume, si, xa ves, agora que vou vello...", afirma entre sorrisos.

Pilar, despois da xornada na que tivo un papel de actriz no Nadal, voltou aos prados da zona da Torre, entre Mera e Lorbé. Alí pace e come exclusivamente herba. Moi preto andan tamén Claudia, de catro anos, e Mónica, de dous, as dúas fillas de Pilar pero xa non vacas do país senon froito de cruce con touro frisón "para que deran máis leite".

Son vacas libres, viven ó ventimperio, e moi fortes. Só para que non marchen teñen unha perna con solta longa. "Nunca enferman, nunca tivo que vir o veterinario. O único que necesitan é no verán auga sempre. Pilar agora xa vai vella e ten reuma. Ten moito desgaste, non polo traballo senón por criar tantos tenreiros, dar tanto leite, polo que haberá que vendela", apunta Manolo.

"Se tes a partir de 25 vacas, xa da para vivir unha familiar. Se tes tres ou catro, non. Hoxe ademais os tenreiros van moi baratos. Se eu non tivese un restaurante, tampouco tería as vacas". - é que Manolo Vieiro tivo o restaurante A Escola en Lorbé (o nome vénlle porque o edificio foi escola hai anos) e agora A Escoliña en Mera, no que só sirve carne de auténtica res criada en liberdade, totalmente ecolóxica. "Se me ven Arzak ou calquera, non lle vendo. Esto é só para o meu consumo, e para o restaurante", subraia este home afable e cabaleiroso.