A actual portavoz do BNG, Silvia Seixas, será de novo cabeza de lista nas próximas eleccións municipais. Así o decidiu a asemblea que se celebrou o martes desta semana. A concelleira nacionalista explica que quere acabar co "estigma" de que o BNG vota en contra das propostas do Goberno local e espera que a cidadanía reaccione nos próximos comicios.

-Por que decide repetir como candidata do BNG en Arteixo?

-Sempre estiven aberta, igual que antes, a que se elixise a persona que a asemblea local e os simpatizantes que participan habitualmente considerasen máis adecuada. De feito, non houbo unha candidatura formal. Sempre estiven disposta a que fose unha decisión da propia asemblea. Unicamente agradecelo e estou igual de ilusionada que sempre. Estou con moitas gañas de traballar nestes tempos tan complicados nos que necesitamos implicarnos máis a fondo que nunca. Non vou agocharme. Teño moitísimas ganas de pelexar e de que o BNG consiga os mellores resultados nas eleccións.

-Hai ilusión despois de todos estes anos?

-Estou máis ilusionada que nunca sabendo o que sei. Xa acumulo unha experiencia importante. Dende logo a min gústame a política e traballar por algo para o sitio onde tes a túa familia e as túas amistades. Estou moi ilusionada coma sempre.

-O resto da lista do BNG está xa decidida?

-Estamos traballando nela. Temos moitísimo avanzado e creo que poderíamos presentar case a metade da lista. Decidimos esperar porque hai xente coa que queremos falar. Está participando xente que non é militante do BNG e outra xente que se incorporou á participación na política. É o momento de intentar presentar a mellor lista posible con xente que queira traballar e tea ilusión.

-Outros partidos teñen acusado ao BNG de votar en contra e por sistema as propostas do Goberno local. Que ten que dicir?

-O BNG está preparando un documento con todas as propostas que foron a este mandato para que a xente teña datos onde se vexa todo o que apoiou e propuxo o BNG nesta lexislatura. No tema dos orzamentos fixemos máis de 60 propostas concretas. O PP non fixo ningunha e dixo a todo que non. Iso é constatable. É un estigma o do que o BNG di a todo que non. Pídolle á xente que vexa os plenos que colgamos na web lea as actas, que din o que se votou ou o que non.

-Nestas eleccións municipais parece que vai haber moitas caras novas, que sensacións ten?

-É interesantísimo que a xente se incorpore á política. É moi bo que a xente participe.Se todos tivésemos estado máis activos en todos os asuntos do día a día, moitísimos dos casos de corrupción ou a situación económica que vive o Estado, Galiza e o Concello non se darían. Non cómpre facer discursos derrotistas de que todos en política son iguais. O BNG leva demostrado todos estes anos que a xente que presenta é de confianza.

-Faltou implicación por parte da poboación de Arteixo?

-É unha poboación nova. A política non é só dos concelleiros. É bo que os debates se trasladen ás asociacións ou aos bares. Espero que esta situación nos sirva para implicarnos máis. En Arteixo a abstención é elevadísima. Non é bo.

-Que balance fai do goberno do PP neste mandato?

-Hai moitas persoas que pensan que nos procesos electorais municipais vótanse máis as persoas que as ideas. Iso é un erro. Se a xente vai votar moito ao PP en Arteixo, o que está dando os parabéns ás políticas de recortes. Cando votas ao PP en Arteixo estás admitindo que a corrupción é boa e os recortes son bos. A política non é só obras, centros sociais e beirarrúas. A política é algo máis. O que pido á xente é que reflexione porque se vota a forma de facer política.