A asociación O Submarino deuse a coñecer a semana pasada a través do festival Frío no rostro na vila de Miño. Este evento foi a carta de presentación dunha organización que existe dende 2012 pero que non se decidira a dar o primeiro paso ata agora.

O Submarino naceu hai tres anos, aínda que neste tempo estiveron "cunhas ideas" como explica a presidenta, Susana Manso. Nese tempo a asociación tivo tempo para acotar a súa actividade futura e reunir propostas. Tiveron claro que o seu traballo estaría dedicado aos veciños de Miño. "Non temos outras aspiracións", asegura a presidenta. Coa súa actividade buscan promocionar a cultura da vila e o camiño de Santiago que pasa por el, o Camiño Inglés, invisibilizado polo francés.

O festival Frío no Rostro serviu como presentación ante os residentes de Miño. Unhas festas que se parecen "ás de antes". A asociación recibiu a axuda dos veciños para decorar a rúa Real.

"Trátase que todos os veciños colaboren para facer unha festa, non nos cartos", aclara Manso. Desta forma cada un pode poñer a súa iniciativa e man de obra. A presidenta opina que esta é a clave da autoxestión da asociación. A única axenda está marcada polos veciños. O seu seguinte proxecto será a celebración dun magosto que non deixe "indiferente a ninguén" e que resulte atractivo aos veciños de Miño. Manso confesa que levar o liderazgo dunha asociación con tanta creatividade resulta complicado. "Sobre todo os vellos, son os peores", bromea a presidenta.