Víctor Merelas, que repite como concelleiro de Medio Ambiente, ten claro que a calidade ambiental en Arteixo é boa. Antes de estrenar o cargo en 2011 non traballara nunca en nada relacionado coa natureza.

-Como é a calidade medioambiental en Arteixo?

-Temos un concello industrial e iso son competencias da Xunta de Galicia. Estamos en contacto con eles todo o tempo. É boa, pero sempre se pode mellorar. Para a industria que temos aquí é bastante boa.

-Dende o Concello, que se pode facer para mellorar esta calidade medioambiental?

-Medio ambiente é case todo competencia da Xunta.

-Entón para que fai falta unha concellería de Medio Ambiente?

-Aquí levamos a concienciación da xente, temos feito varios programas, temos xardíns e a calidade das praias. Temos bastante traballo para os poucos medios que temos.

-Cales serán as prioridades na Concellería de Medio Ambiente neste mandato?

-(Non houbo resposta)

-Algún proxecto haberá?

-Proxectos temos bastantes. O tema en si é da Xunta. Aquí facemos día do libro, da árbore, os colexios.

-Se hai unha concellería de Medio Ambiente servirá para algo?

-Si, pero mira os medios que temos: dous técnicos, unha secretaria e dous gardas medioambientais.

-Con máis medios que farían na concellería?

-Poderían facerse moitas cousas, pero sen eles estamos moi fastidiados.

-Pero que poderían facer con máis medios?

-É complicado.

-Que faría se tivera máis xente a súa disposición?

-Poderíanse abarcar xardíns, concienciación e facer máis cousas. O presuposto é o que é.

-Hai unhas semanas empezaron as descargas de carbón no porto exterior. O Concello vai reclamar máis medidas de seguridade á Autoridade Portuaria?

-Xa reclamamos. Estamos en contacto co Porto, que é competencia súa. Por moito que protestemos? Temos medidores de partículas. Nunca sobrepasan os límites.

-Hai queixas dos veciños polo tema?

-Moi puntualmente.

-De que se queixaban?

-Das descargas de clínker. Parece ser que aparece un polvillo que mancha cristales. En Meicende pasa o mesmo coa refinería. Son cousas sen importancia. Son manchas. Isto padéceo o concello dende hai anos.

-Non se pode facer algo máis para combatilo?

-Imposible. Ou temos refinería ou non. As casas fixéronse despois da refinería.

-Como se consigue ter un concello con boa calidade medioambiental e ter moita industria?

-Intentamos compatibilizar todo.

-Como se compaxina?

-Como se compaxina? Aquí levamos toda a vida así.

-Hai un estudo de Ecologistas en Acción que sitúa Arteixo, xunto coa Coruña, como unha das áreas co aire máis contaminado de Galicia. Isto é preocupante?

-Iso é daquela maneira. Non sei en que se basean para dicir que é das zonas máis contaminadas. Os técnicos non din isto. Nos medidores nunca se sobrepasan os límites.

-O número de vertedoiros ilegais creceu un 162% nos últimos nove anos. A que se debe este crecemento?

-Prodúcese sobre todo nas parroquias que están máis próximas á capital, A Coruña. Non sei por que motivo. Deben de ser os arranxos que se fan nas vivendas. Onde hai máis vertedoiros é na parroquia de Pastoriza, Morás e Oseiro. Nestas hai máis vertedoiros que nas parroquias rurales.

-Por que non paran de crecer os vertedoiros desde 2005?

-O 2015 é o ano no que máis seguimento facemos. Anteriormente había vertedoiros pero non se retiraban como agora.

-Non se pode facer algo máis dende o Concello como concienciar á xente?

-A xente, por moito que a conciencies, é o que hai. Se fora gratis quizáis si.