Este sábado a Confraría de Pescadores de Lorbé fai a II Festa da Centola, despois do éxito do ano pasado. Este luns comezaron a recollela na ría de Ares-Betanzos.

-Como andades de centola?

-Bueno, contabamos con máis da que estamos vendo, porque había sinais de que podía ser máis, pero aínda pode mellorar até o venres. Parecido ao ano pasado.

-Na primeira edición chovía a mares e non parou de ir xente ao porto de Lorbé en todo o día, e de toda a comarca.

-Cala, non me fales do tempo, que dan auga de novo. Pero non tanta como o ano pasado. Aínda que ao final non veu mal porque se chega a facer bo tempo non chega a centola a nada, veu moitísima xente.

-Canta cantidade vendestes o ano pasado?

-Foron 650 kilos de centola e uns 400 de mexilón. Para nós é unha axuda porque sacamos para os nosos gastos de luz, secretaria... Non é ningunha riqueza pero así non subimos as cotas aos socios.

-E para este sábado como anda a cousa?

-Pon polo dagora uns 500 kilos... As racións van ser como o ano pasado, a 15 euros a peza, que terá entre novecentos gramos, un kilo, kilo douscentos...

-O ano pasado tivestes o acerto de meter en caixiñas de polispán as centolas para os que a querían levar para casa...

-Si, este ano tamén o imos facer. Moita xente a levou, quizais para conxelar para o Nadal...

-Tedes moi boa organización, e dinme que moito e pola man das vosas mulleres...

-É certo, as mulleres dos mariñeiros axudan en todo, están por dentro, fano moi ben.

-Tédelo tan ben organizado que o sábado ata poñedes pantallas para ver o fútbol e que non vos quiten xente...

-Imos poñer unha ou duas pantallas na carpa do porto para ver o partido Madrid-Barcelona ás seis e ás dez o derbi Deportivo-Celta.

-A qué hora imos indo para a Festa da Centola?

-A partir da unha. Poñeremos unhas cinco potas para centola e unha para o mexilón, en principio. Os fogóns son da comisión de festas, que nos axudan. Tamén poñerán centola nos bares de Lorbé.

-A centola agora está no mellor...

-Para min, desde mediados de novembro até febreiro, é cando máis rica está, porque aínda está na area. Esta festa é para darlle ambiente ao pobo, antes do Nadal, que veñan a desgustar a centola a un precio asequible e a pasar un bo momento.