Nos anos setenta xermolaban grupos hoxe míticos coma A Roda, Xocaloma ou Fuxan os Ventos. Hoxe en día as asociacións e grupos de música tradicional teñen que facer un grande esforzo para manter vivo o canto e o baile galego porque "agora todos os nenos queren ser futbolistas", como dí Miguel Ángel Riveira, presidente do Grupo de Baile e Gaitas Dorna de Dorneda en Oleiros que acaba de lograr cumprir, con boa saúde e mérito, o seu trinta aniversario.

Esta entidade empezou a prepararse no ano 84 da man de mestres coma Raúl Galego e Xosé Rivera, coa axuada de Xoán Barreiro e Xosé Luis Casal, pero o seu nacemento oficial tería lugar ao ano seguinte, en xuño de 1985, cunha actuación na Casa do Pobo de Dorneda na que o grupo, integrado por preto de corenta membros, estivo apadriñado polo prestixioso coro galego Cántigas da Terra.

"Impuxéronnos a garavata e a insignia no pendón. Antes era costume poñer lazos e garavatas no pendón e sabíase a antiguedade dun grupo polo número que tiña. Nós xa tivemos que quitalos do pendón porque non se podía con él do peso", conta Miguel Ángel Riveira, un mestre no canto e no baile que empezou no folclore galego na Coruña, con xente coma Quique Peón e indo a tabernas onde se cantaba coma As Trepias ou o Pendello, e tamén o Coro Juan Vila.

Riveira leva quince anos no grupo Dorna e dende comezos deste ano tamén é o presidente, ao igual que, hai máis anos, da Asociación de Veciños de Dorneda.

"Son o bombeiro, e estou desexando que me collan o relevo do bombo porque vai pesando moito. Canto, toco algo de percusión, pero bailar, pola idade, xa o deixei", conta con bo humor.

Dorna festexou por todo o alto o seu trinta aniversario nunha festa o pasado fin de semana na que se celebrou a XXXII Carreira Popular de San Martiño, que leva o nome de Memorial Julián Bernal dende hai uns anos en recordo dun coñecido corredor que participaba sempre e que remataba a proba tomando unha tapiña de callos. Tamén se fixo un magosto e ademais de asar castañas tamén foron ó lume uns chourizos e se tomou chocolate con churros, ademais de facer un concerto de aniversario no auditorio das Torres de Santa Cruz.

Dorna conta agora mesmo cuns trinta compoñentes con idades que van dende os sete ata os 75 anos. A entidade da clases de gaita e percusión os xoves e de canto, coro e pandereiteras os xoves na Casa do Pobo. Dende o ano 2006 contan cun coro dedicado á musica tradicional e tamén teñen un grupo de cantareiras. Visten traxe de cotío e tocan foliadas, maneos, pandeiradas, xotas e muiñeiras, pero tamén ribeiranas, panxoliñas e outras pezas de polifonía.

"Nós levamos as gaitas en do, á xente élle máis fácil seguirnos. O noso repertorio é todo de cancións populares, algunas de Fuxan os Ventos...", dí o presidente.

Dorna organiza cada ano un encontro de habaneras e unha romaría folclórica, que nesta ocasión foi sustituido por esta xornada de aniversario.

"Nestes trinta anos fixéronse actuacións por toda a xeografía galega: Lalín, Ares, Mugardos, Ordes, Carballo, Cabanas... Tamén en Porto, Coímbra. Estivemos no Festival de Ortigueira, en Asturias, na Expo da Auga en Zaragoza...", lembra Riveira.

O grupo Dorna da parroquia oleirense de Dorneda, sen embargo, ten unha peculiaridade que o fai especial: a súa vea social, solidaria.

"Nestos últimos anos, xuntámonos uns cuantos do grupo e vamos a aldeas limítrofes de Galicia, coma Santirso de Abres na fronteira con Asturias, unha zona en Laoruco ou outra no Aliste na fronteira con Zamora e Portugal, onde hai moi poucos veciños e moi maiores. Nun pobo de Aliste había 160 habitantes e tocámoslles alí uns catorce ou quince. Levámoslle unpouco de alegría. Son xente moi maior en aldeas que se van despoboando e quedaron moi agradecidos, ó outro día veu unha señora cun carretillo de tomates, patacas, pementos, para darnos; outro trouxonos viño; o carniceiro non quería cobrarnos...", relata Miguel Ángel. Os membros deste grupo tamén van tocar de forma altruista ás residencias de maiores.

Esta agrupación folclórica ademais colabora con outras para que non desaparezan. Así ocorre co coro de Santa Comba de Veigue en Sada. Xúntanse con eles para actuar dende hai uns anos. "Eles non teñen gaitas nin percusión, é un coro que estaba fenecendo pero así, xuntos, animamos uns aos outros e non desaparece ningún", conta o presidente.