O Concello de A Laracha descubriu que unha obra que pagou non se fixo cinco anos despois dos traballos. O alcalde, José Manuel López Varela, asegura que Hidroeléctrica de Laracha deberá devolver os cartos ou facer a obra de electrificación. E tamén asegura que a investigación da Fiscalía está arquivada.

-Que ocurreu para que o Concello iniciase agora a rescisión do contrato de electrificación da reitoral de Golmar cinco anos despois de acabar a obra?

-Hai unha denuncia presentada polo Bloque na Fiscalía. Iníciase unha investigación. Aínda que o BNG dixo que o alcalde estaba imputado, o alcalde nin estivo de testemuña nin imputado. Todas esas dilixencias que abriu o xulgado están totalmente arquivadas. O Concello encarga os traballos a Hidroeléctrica de Laracha. Compróbase que o edificio ten a suficiente potencia para que funcione a iluminación, calefacción e ascensor. Pagouse a factura. Agora abrimos unha investigacion. Nós vemos que parte das unidades de obra non estaban feitas. O Consultivo ve que o Concello fixo o correcto e o xulgado arquiva o expendiente. Hidroeléctrica cobrou algo que non fixo e terá que devolver o diñeiro ou facer a obra. As dúas frontes están case pechadas.

-Por que o Concello tarda tantos anos en detectar isto?

-Porque a denuncia chega cinco anos despois. Eu pregúntomo tamén. É unha obra do 2009 ou 2010 e a denuncia vén no 2015. A santo de que? A partir da denuncia o Concello revisa todo o expediente.

-Pero como é posible que o Concello non detectase que a obra quedou sen facer?

-O Concello non detecta porque había suficiente potencia.

-Todo estaba ben?

-Estaba todo OK. É unha obra menor que non acarrea unha certificación por parte dun técnico.

-Se non se presenta a denuncia, o Concello non se decata.

-Se non denuncian, non iamos facer unha investigación. O edificio funciona perfectamente e non iamos revisar nada. Hidroeléctrica de Laracha non fixo o que tiña que facer.

-Que falta da obra?

-Falta a instalación do centro transformador e algún poste.

-Teñen un problema coa empresa que constrúe o pabellón do Otero Pedrayo.

-É un incumprimento total porque a obra tiña que estar acabada en decembro do ano pasado. Fóronse aplicando penalidades por retrasos da obra. Foise facendo a prazos. Queda moi pouco. Era unha aposta importante do Concello e da Deputación. Se non se remata a obra, irase á rescisión do contrato.

-A obra fíxose por concurso aberto.

-Esta era a segunda clasificada porque a primeira chegou a unha baixa temeraria. Antes de empezar a obra xa pediron un reformado. Cousa que non se aceptou.

-Este é un dos riscos dos concursos abertos. Cun negociado sen publicidade sería mellor?

-Non. Todos os sistemas son bos. O que ten que haber é responsabilidade por todas as partes. Neste caso hai un incumprimento por parte da empresa.

-O Concello solicita á Xunta melloras no edificio que constrúe no Otero Pedrayo?

-O edificio número un é do ano 73 ou 74. Para nós non reunía as condicións para ser un aulario de Infantil porque ten unhas escaleiras moi estreitas, ventanais e sobre todo tema de accesibilidade. Que se plantexa agora? Queremos que se faga o máis rápido a segunda fase: as tres aulas restantes. Seguimos insistindo nesa demanda porque quedan tres aulas no edificio vello, co que supón manter un novo edificio.

-A empresa que promove o polígono de A Laracha descartaba hai meses máis rebaixas nos prezos das parcelas. O Concello pide máis bonificacións?

-Pediamos un abaratamento das parcelas. O problema que hai agora é que a Xunta toma outras medidas como a rebaixa do 50% nos seus polígonos. Ao Sepes e a Sea plantexamos esto mesmo. É moi importante ter o polígono porque crearía postos de traballo e traería xente. Debe haber un acordo para que non haxa un diferenza nos prezos de solo industrial entre Sepes e Xestur. Hai que equiparar prezos.