-O pleno debaterá hoxe a proposta do PP de aprobar provisionalmente o PXOM. Acúsanlles de incumprir os prazos que fixaron. A que obedece a demora?

-É certo que imos un pouco atrasados, pero un plan xeral non se estudia nun mes nin en dous. A situación urbanística de Sada é complicada e queremos facer un plan xeral acaído ás necesidades e que solvente os problemas. Tamén é certo que xa tiñamos pensado convocar en breve a comisión de urbanismo para presentar á oposición os cambios que imos introducir.

-Cal será a vosa postura no pleno de hoxe?

-A nosa postura será deixalo enriba da mesa, xa que non están todos os informes no expediente. Pediremos que quede sobre a mesa co compromiso de levalo ao pleno para a súa aprobación provisional nos tres primeiros meses de 2016. Queremos que conte coas achegas de todos os grupos e que sexa unha aprobación provisional de consenso.

- A esquerda foi moi crítica co planeamento inicial. É certo que o PP admitiu varias das alegacións, pero mantivo a urbanización en contacto coas Brañas e aumentou a edificabilidade na zona de Fontán. Haberá cambios nestas e noutras zonas?

-Si. Non podo concretar moito máis porque imos ter unha reunión de goberno para analizar as modificacións é sería faltar aos tempos. O que si podo adiantar é que esos cambios están na nosa folla de ruta. Queremos un plan sostible, executable, xusto e legal. Herdamos un plan como o que herdamos e nestas alturas sería un pouco incoherente facer outro novo. Aínda que ás veces os desexos sean eses, hai que pensar no ben común. Para nós é moi importante solventar aquelas cousas que se trataron discriminatoriamente, intentar que todos os veciños reciban un trato xusto.

-A elevada previsión de nova vivenda foi moi cuestionada. Prevén reducila?

-O plan xeral prevía 3.755 vivendas, eu penso que se disparou demasiado a capacidade residencial e de inversión do concello. Hai que repensar a capacidade que ten Sada para asumir unha carga económica tan importante e pór en valor o parque de vivendas baleiras. Non é o momento para tantos desenvolvementos urbanísticos, hai que consolidar o que temos e crear máis espazos verdes e dotacións.

-O alcalde avanzou ao inicio do mandato a súa intención de declarar espazo público o pazo de Meirás. Mantéñeno?

-Si, esa é a nosa intención. O pazo é un polo de atractivo, non só a nivel turístico, senón que pode ser vertebrador dese eixo entre Meirás e Mondego que vertebre ese gran parque que Sada precisa ao este do concello.

-Manterá a solución do PP para intentar legalizar as urbanizacións con orde de derruba?

-Cada urbanización ten unha casuística particular, hai que analizalas desde o punto de vista legal e urbanístico. Nós imos respectar o que din as sentenzas e executalas. A fórmula para ver se poden legalizarse estudiarase en cada caso. Se hai que facer algún derrubamento parcial, farase. Hai casos tan complexos que están dando moitos quebradeiros de cabeza. Nalgúns casos a legalización total é imposible.

-A do Loureiro é un caso especialmente sangrante. Varias familias perderon casa e aforros. A urbanización é agora propiedade do banco. Que plantexa facer?

-A legalización completa é moi complicada. Agora mesmo remítese a un plan especial de ordenación de núcleo rural no que hai que reparcelar e ceder. A única fórmula é derrubando algunha edificación. Hai unha sentenza firme que anula a licencia e non pode facerse doutra forma. Nós o que non víamos era a proposta do plan inicial de ampliar o ámbito, collendo terreos en rústico para que non houbese que demoler. Non podes meter a outra xente nese problema.

-Un edificio que foi rescatado recentemente polo Concello e que se atopa tamén nunha situación ilegal é o Náutico. Que futuro plantexa o PXOM?

-A nosa intención é cumprir a sentenza [de derrubamento parcial]. A decisión xa está tomada.

-Habrá cambios na calificación do hotel?

-O que plantexamos é que recolla o uso terciario global para que non se adique soamente a uso hoteleiro, senón a aqueles outros usos que sexan interesantes para facilitar unha actividade económica.

-Entendo que de momento o seu futuro segue a ser difuso...

-De momento si. Abanca manifestou a súa intención de non especular co hotel e buscar un inversor, que é a vía que nós sempre defendimos, a de non gastar cartos públicos para operacións de dubidosa eficacia. Agora mesmo o hotel é de Abanca que lexitimamente buscará inversores.

-Un edificio emblemático de Sada é A Terraza. A Xunta di que non tramitará o expediente para a súa declaración como BIC ata que Sada dispoña dun plan xeral. A concesión finaliza xa no 2018. O PXOM prantexará algún cambio neste ámbito?

-No plan está catalogado como patrimonio protexido, como non pode ser doutra maneira. O que garantizará o PXOM é ese entorno de protección que se merece un edificio tan emblemático. A partir de aí debemos de instar a Xunta que o declare BIC.

-De non renovarse a concesión, que prevé o goberno municipal para A Terraza?

-De momento non nos metimos con esa cuestión, habería que analizar se é convinte ou non recuperar esa concesión. Penso que de momento é un debate que non toca.

-O goberno levará a pleno instar á Xunta a declarar BIC Cerámicas O Castro. O PXOM aprobado inicialmente outorgáballe una protección ambiental ao complexo. O novo documento ampliará a protección?

-Si, nós queremos incrementar a protección a todos os efectos, non soamente ao laboratorio de formas, senón tamén ao taller obradoiro de Isaac Díaz Pardo, que foi o xerme da fábrica. Á súa vez dentro da normativa do plan crease a categoría núcleo rural común tres para evitar que quede fóra de ordenación. O Concello de Sada debe saber aproveitar as oportunidades e crear ligazóns co Castro. Hai que instar á Xunta a finalizar o expediente. O de Sargadelos no Cervo xa o finalizou en decembro de 2014.

-Cal será vosa proposta para As Brañas?

-As Brañas é unha das fortalezas e oportunidades de Sada. Lograr un polo de atracción turística, pero sempre con respecto. O que imos tratar é protexelo cun cinturón verde e a menor presión urbanística posible. E o que sería o interior desenvolvelo a través dun plan especial.

-O plan xeral pode ser a ferramenta para reverter a dinámica de destrución do patrimonio das derradeiras décadas?

-Si, o plan xeral cataloga todos aqueles edificios singulares desde o punto de vista arquitectónico e urbanístico. Hai dous plans de protección do casco histórico, o da Tenencia e de Fontán, que incluso ampliamos. Unha das nosas máximas prioridades é conservar e rehabilitar o noso patrimonio.