O certame Manuel Murguía xa ten novo coordinador no seu 25 aniversario. Trátase de Alfredo Ferreiro, un escritor nado en A Coruña, que viviu en Carral e que agora está en Arteixo. Ferreiro explica que o certame manterá a súa "tolerancia" coas diferentes normativas do galego.

-Como chega a este posto de coordinador?

-Eu levo dende a adolescencia relacionado co mundo das letras galegas. Un dos meus primeiros referentes foi Henrique Rabuñal, como outros da xeración dos 80. Cos que estaban na zona de A Coruña. Dende que vivo en Arteixo vou os actos. Sempre estiven próximo ao ambiente literario.

-Quen o propuxo para o posto de coordinador?

-Quen me propuxo foi o anterior coordinador, Julio Mancebo, que me propón coa idea de que haxa renovación. En xeral dixo que estaba moi satisfeito, pero el xa recoñecera que levaba moito tempo. Mancebo era un home moi coñecido en Arteixo porque era profesor nun colexio e foi deportista.

-Levará a cabo esa renovación da que falaba que quería Julio Mancebo?

-Modestamente, intentareino. A renovación está ben porque aporta outros puntos de vista. Se non as cousas pódense facer rancias e cansinas. Pouco protagonismo teño que ter porque o certame está consolidado. Non veño con ansias de destacar. O certame xa ten o seu protagonismo.

-Xa ten algunha proposta predeseñada?

-Por agora estou aterrizando. Os pormenores da presentación do día 13 de febreiro non están definidos completamente. Hai unhas expectativas que o mellor é non avanzar agora, pero como é o 25 aniversario quérese facer algo distinto. Iso é un traballo en equipo.

-Teñen intención de que o certame chegue a máis xente?

-Isó é unha decisión que teñen que tomar no Concello. Falouse desa hipótese. Está ben ampliar a outros públicos, pero quérese tomar unha decisión de maneira sólida.

-Pensa que o certame Manuel Murguía xa alcanzou un alto grao de recoñecemento?

-Hai unha gran cantidade de xente de certo prestixio entre os gañadores. Xoel Gómez, Xaviel Alcalá, Isidro Novo, Rosa Aneiros, etc. Hai un montón de xente coñecida. Hai moitos.

-Que destacaría sobre o certame?

-Quero explicar que o certame ten tolerancia coas diferentes normativas [do galego]. Non ten obxectivos gráficos, senon literarios. Admitir varias normativas garante a liberdade creativa.