Aos máis maiores do rural fáiselles a boca auga ao recordar aquelas sabrosísimas mazás que se chamaban repinaldos, aquelas enormes tres en cunca ou as sangre de toro; aquelas peras de manteca, os tomates avoa de Osedo ou a pataca fina de Carballo, variedades autóctonas galegas hoxe case desaparecidas, desplazadas por outras foráneas porque o de fóra parecía mellor, pero que se están recuperando gracias ao labor de entidades coma o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), pero tamén ao traballo de xente coma a Rede Galega de Sementes, que precisamente onte organizou en Betanzos o III Encontro de Troco de Sementes.

Ao edificio do Matadeiro na zona da Ribeira brigantina achegáronse centos de persoas de toda a comarca, unha testemuña do interese cada vez maior que espertan estas iniciativas relacionadas co campo, co ecolóxico, coa revalorización dos productos do país e as convocatorias cidadás, fóra dos circuitos máis institucionais. "É un intercambio entre productores e aficionados. Recollemos as sementes que traen e etiquetámolas, de onde son, a variedade, o nome do que as trae, e logo esa persoa xa ten dereito a coller do banco de sementes que temos. Para os que están empezando temos sementes para darlles. O ano pasado empezamos coas variedades autóctonas, polo dagora temos poucas. Damos as autóctonas co compromiso do que as leve de que as pranten, que non as hibriden e que logo nos traian sementes tamén", conta Begoña de Bernardo, que ten unha horta en Miño.

"Co autoconsumo temos poido poder", engade De Bernardo. "De momento ainda hai poucas varidades autóctonas certificadas. Eu lembro que de pequena miña avoa me daba unha mazá riquísima, a caomesa. Hai que apostar polas variedades de calidade, que se diferencian do resto, e que se adaptan mellor á nosa zona", explica Pilar Castro, profesora no CFEA. Ao encontro tamén acudiu unha excursión de nenos de 8 a 12 anos da Asociación Ambiental Senda Nova de Carballo, que tamén cultivan e intercambiaron sementes con tanto entusiasmo coma se fosen cromos.

No Matadeiro tamén houbo postos de venda de productos de horta e alimentos (torta de chocolate e lavanda sen ovo e sen fariña, empanada de caldo galego, galletas de farelo), ornamentos feitos á man, lá enfiada, ungüentos de herbas... Houbo ademais charlas sobre especies invasoras, un xantar, monicreques e un obradoiro de prensado de mazá.