O dito popular de que despois do temporal chega a calma non se cumpre en Sada. A desaparición da riada deixa ao descuberto as verdadeiras dimensións da traxedia, tanto para as persoas que ven arruinados os seus negocios, as súas propiedades e o seu proxecto de vida, como tamén polo que supón de devaluación xeral dunha parte importante do casco urbano.

Toda a solidariedade coas persoas afectadas, toda a axuda que se poida prestar será pouca, pero colaboremos tamén en aportar solucións e non nos quedemos na simpleza de discutir se a actuación municipal foi máis ou menos dilixente.

Nin é xusto culpabilizar ao alcalde, nin soluciona nada criticar agora as políticas que durante décadas se practicaron en Sada refrendadas, dito sexa de paso, co voto da maioría e calificadas daquela como "de progreso". Tiveron menos éxito neses anos as teses de que se estaba construíndo en zonas inundables, que se estaba recheando en exceso e que era previsible que poidera acarrear consecuencias nefastas.

En Sada todo o mundo sabe que a Rúa Venezuela non é unha rúa, é un río cuberto, igual que a rúa Oleiros, parte de Linares Rivas, a rúa da ponte e tramos da avda da Mariña. A microtoponimia tamén delata os excesos cometidos, non é casual que a zona máis afectada pola riada sexa o lugar por onde transita o río soterrado e teña nomes como rúa da Lagoa, Sadadarea, rúa da Braña, As Brañas?

Pero as cousas foron como foron, agora son como son, e sen dúbida será máis produtivo aportar solucións que criticar.

En primeiro lugar é necesario que se dote ao polígono de Bergondo de separativo de pluviais, que se revise o funcionamento e capacidade da depuradora e que se busquen alternativas no inverno para evitar incrementos bruscos no caudal do río maior, e no verán evitar os elementos contaminantes que chegan á nosa praia urbana a través dese río a onde verte a depuradora.

Tamén é necesario levantar a rúa Venezuela e todos os entronques ata as Brañas e o río Maior para construir un novo "caixón" que incremente o caudal de evacuación e facilite a limpeza.

En terceiro lugar, é necesario construir un tanque de tormentas nalgunha zona do paseo marítimo. Augas de Galicia ten o proxecto enriba da mesa desde hai polo menos seis anos e a súa construcción tamén está prevista no PXOM aprobado recentemente.

O Pleno da Corporación acordou unánimemente levar a cabo algunhas destas medidas que cando se fagan paliarían en gran medida os efectos doutras riadas que sen dúbida volverán, esperemos máis tarde que cedo, pero tamén debemos saber que non hai solucións definitivas.

Todas estas obras non se poden realizar exclusivamente con fondos municipais, algunhas nin sequera son da súa competencia, por iso é moi importante manter o consenso social e político para reclamar conxuntamente solucións das institucións e financiamento para levalas a cabo.

Pero o máis importante é que aprendamos a lección. A sociedade non pode apoiar actuacións urbanísticas en lugares sensibles por moito que nos digan que é "progreso". Agora xa foi, traballemos mirando ao futuro.