O calendario xunta este mes varios motivos de celebración en memoria dos mártires que faleceron en Carral en 1846 no alzamento contra o presidente Narváez. "É un triple motivo de alegría: cúmprense vinte anos da representación de Abril de Lume e Ferro en Carral, fanse 170 anos do episodio histórico dos mártires e adícanselle as Letras Galegas ao autor da obra, Manuel María", celebra o presidente da asociación Abril de Lume e Ferro que dende hai vinte anos pon sobre as táboas cada abril a peza de Manuel María, Alexandre Castro.

Este abril, como todos dende hai dúas décadas, a asociación cultural carralesa representará a obra, ademais de programar mais actos en homenaxe aos mártires. As actividades comezan hoxe coa entrega do Premio Mártires da Liberdade á Fundación Manuel María e á Irmandade Manuel María, "pola difusión do seu legado como escitor, poeta, autor Manuel María, dende o seu pasamento ata agora", explica a asociación. A entrega do premio celebrarase ás 20.30 horas na Casa da Cultura e contará coa actuación en directo de Mini e Mero, que interpretarán poemas musicados de Manuel María.

O sábado farase a tradicional ofrenda floral no monumento aos mártires, no centro de Carral, ás 20.00 horas. Incluirá unha lectura pública na que calquera asistente pode participar, co gallo do Día do Libro. Despois, haberá un concerto de música tradicional a cargo das agrupacións Catalmibre Tradicional, de Culleredo; Sarillo, de Aiazo (Frades) e Arnela de Carral. Os actos deste ano na honra dos mártires concluirán ás 21.15 horas coa representación teatral de Abril de Lume e Ferro.

No elenco que levará ás taboas a obra de Manuel María figuran veciños que participan na obra cada ano dende a súa primeira representación, en 1996, cando aínda organizaba os actos polos mártires o Concello. Anos despois, constituise a asociación para garantir a pervivencia da representación, na que cada abril actúan "entre trinta e corenta veciños", explica o presidente. Nos últimos anos, a entidade cultural interpreta a peza también noutros concellos de Galicia, co propósito de difundir a historia dos mártires, un episodio histórico "a nivel nacional" que, para Castro, "debería coñecerse mais pola importancia que tivo".

Como homenaxe aos cerca de "douscentos participantes" que algún ano asumiron un dos papeis da obra, a asociación prepara un libro con fotografías destes vinte anos, para o que conta co compromiso de colaboración da Diputación, asegura o presidente. "Queremos facerlles un agasallo, porque a xente que participa faino de xeito voluntario, sen percibir nada a cambio", explica Castro.