O Concello da Laracha levará ao próximo pleno (este venres) a aprobación dun convenio con Augas de Galicia para a execución e financiamento da obra de ampliación e mellora do tratamento da estación depuradora de augas residuais do Formigueiro. A capacidade da instalación aumentará en 250 metros cúbicos por hora.

No exterior do recinto modificarase a saída de auga depurada ata alonxala da zona da estrada e construirase unha vía perimetral á estación depuradora que permitirá aumentar o ámbito de estacionamento. Antes de solicitar a realización deste proxecto o Concello desenvolveu un plan especial do sistema xeral de abastecemento e saneamento. A actuación estará financiada por Augas de Galicia con 34.000 euros.