O BNG das Mariñas reclamou onte ao Goberno local de Bergondo iniciativas para dinamizar a actividade económica e crear emprego no concello. "Dous anos despois de que decidira deixar de prestar apoio á celebración de Incoart e a Feira de artesanía non hai ningún proxecto novo centrado na creación de emprego", sostén o nacionalista David Carro a través dun comunicado remitido aos medios.

O Bloque critica a falta de implicación do Concello con tecido empresarial. Temos un potencial enorme no polígono industrial, sen embargo as empresas non contan con ningunha mostra de apoio máis aló de asfaltarlles as rúas. Un ano máis quedámonos sen a feira Incoart que promocionaba as empresas, o comercio e a artesanía local e que se celebraba por estas datas. Se a desculpa era que o PP dende a Deputación practicamente anulara a axuda, este ano que temos un novo goberno provincial xa nin sequera se ten solicitado, aínda que tamén se podería realizar con fondos propios'', argumenta o voceiro do BNG.

"As medidas para crear emprego en Bergondo redúcense a cursos e un obradoiro de emprego de cando en vez compartido con varios concellos'', criticaba onte a formación nacionalista.