O Concello de Arteixo acaba de formalizar a compra dunha nave abandonada na parroquia de Sorrizo co obxectivo de convertela nun centro polivalente municipal concibido como un espazo de interpretación e sensibilización da natureza na costa. O concelleiro de Servizos Económicos, José Baldomero, explica que o Concello adquiriu esta nave á empresa Sodiga (entidade participada pola Xunta) por un importe de 14.769 euros. Foi o concelleiro de Obras e Servizos Municipais, José Ramón Amado, o que acudiu o pasado venres ao notario en Santiago de Compostela para formalizar a compra. A responsable do departamento de Promoción Económica, Patricia Amado, sinala que o Concello pretende "recuperar o turismo mariñeiro".

Esta nave está nunha parcela moi próxima ao mar e dende a que se pode ver toda a costa de Arteixo dende o porto de Langosteira ata Sorrizo. Encóntrase en bo estado de conservación pese a que leva 30 anos totalmente abandonada. A maleza invade boa parte da fachada exterior e o interior está en bo estado. O edil de Servizos Económicos asegura que neste ano realizarase unha limpeza desta parcela. O Concello calcula que a rehabilitación desta nave para transformala nun centro de interpretación custará sobre 300.000 euros. O Concello solicitará colaboración técnica á Xunta para elaborar o proxecto do centro e o programa.

Esta actuación en Sorrizo irá acompañada pola prolongación da senda que recorre boa parte do litoral de Arteixo. O Concello habilitará unha nova dende Sabón ata Sorrizo (medirá 0,6 kilómetros) e fará unha nova dende este núcleo ata Caión (esta terá unha lonxitude de 3,2 kilómetros en total). Arteixo tamén pedirá unha axuda económica para crear esta nova senda litoral e rehabilitar o edificio.

O edil de Servizos Económicos, José Baldomero, destaca que esta nave leva 30 anos totalmente abandonada. Durante un par de anos, ná década dos 80, este foi un criadeiro de cétaceos. O concelleiro, que é veciño de Sorrizo, explica que foi "un proceso largo" localizar aos donos actuais do inmoble. "Puxémonos a averiguar. Acudín ao Rexistro Mercantil e ao da Propiedade", recorda.

Baldomero asegura que o Concello primeiro intentou que Sodiga cedese a nave, pero que ao final aceptaron vendela por 14.769 euros. "Agora xa está pagado e escriturado", indica. O edil afirma que empezou a investigar sobre a propiedade deste edificio abandonado tras as eleccións municipais do pasado ano. Este esforzo culminou o pasado venres coa formalización da venda do inmoble a favor do Concello de Arteixo.