O Concello de Oleiros agarda a autorización do xulgado para proceder á última fase do desmantelamento da gasolineira de Santa Cruz. Segundo mantivo onte o alcalde, Ángel García Seoane, o Concello non pode actuar porque o empresario que explotaba a gasolineira tiña a sede da súa compañía nunha caseta de dez metros no interior do recinto. "Estamos pendentes da autorización xudicial para sacar a caseta de alí e poder proceder á demolición da construción", explicou o rexedor nunha intervención na radio.

O alcalde relatou que Cespa xa procedeu a desgasificar os tanques e retirar a maquinaria tras a notificación do Concello. "Está pendente de derrubar porque porque dentro do recinto está a sede da empresa e para sacar a caseta de alí e porder proceder a demolición necesitamos a autorización xudicial", explicou o rexedor, que salientou: "Está habendo algunha nota maliciosa, pero a gasolineira xa non existe. Agora está valado, ninguén debe estar alí".

O pasado 14 de abril procedeu ao desaloxo da estación de servizo. O desafiuzamento estivo acompañado das queixas do empresario, que acusou o Concello de vulnerar os seus dereitos por non agardar a que o xulgado resolvese un recurso de casación contra a desestimación da súa petición de medidas cautelares. Aínda que o precinto e vaciado levouse a cabo sen incidencias, o malestar dos empresarios era máis que patente. E tamén dos traballadores, que recurriron xunto á empresa a revocación das licencias e a denegación das medidas cautelares.

O xulgado número 4 da Coruña desestimou o pasado marzo o recurso da empresa Distribuciones Taula de manter paralizado o desmantelamento da estación de servizo. A xuíza sostivo que o interés xeral era "moi superior ao privado", en alusión a rotonda prevista para desconxestionar o tráfico.