A Xunta aumentará o persoal e horario da escola infantil de Coirós tras as queixas de pais e nais, que recolleron recentemente firmas contra os recortes do servizo. O Goberno local anunciou onte o compromiso da Consellería de Política Social de incrementar nunha hora o servizo e dotar ao centro dunha profesional máis a partir de setembro.

O acordo chega despois de que o PP votara en contra no último pleno dunha moción do BNG para instar á Xunta a ampliar o cadro de persoal e horario co obxecto de "garantir un servizo de boa calidade e evitar trastornos no funcionamento xeral da escola e, por riba de todo, a tranquilidade e benestar das crianzas". Os nacionalistas elevaron tamén a súa petición ao Parlamento galego.

O Executivo local xustificou o seu voto en contra da moción alegando que o alcalde, Francisco Quintela, xa trasladara persoalmente ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, a petición de mellorar o servizo. O BNG alegou sen éxito que a demanda tería máis forza se a suscribía o plenario.

Según informou onte o Concello, a Xunta acaba de trasladarlle o seu compromiso de "incrementar nunha hora o servizo e aumentar o persoal de manterse os actuais ratios de usuarios". A Xunta accedeu a abrir o centro de 8.00 a 16.00 horas, en lugar de 8.30 a 15.30 horas, e a crear unha nova praza.

O paso atrás chega despois de que pais e nais se mobilizaran contra uns horarios de difícil conciliación cos horarios laborais maioritarios, o que podería levar a varias familias a desbotar a escola por non adaptarse ás súas necesidades.

As familias con nenos matriculados e o BNG criticaron tamén que a falta de persoal de apoio "imposibilitaba un verdadeiro labor educativo e de realización de actividades no exterior, ao estar ocupado o persoal con tarefas de alimentación, aseo, dirección ou administración", como advertiran os nacionalistas na súa moción.

O BNG vinculou a falta de persoal e os horarios actuais coa baixa matriculación de bebés. "Tendo en conta que no concello de Coirós se rexistrou o nacemento de 13 crianzas no ano 2014 e 22 no 2015, resulta moi esclarecedor que neste momento só acudan a escola infantil tres bebés. É un feito constatado que existe poboación susceptible de ser usuaria deste servizo público, mais tamén é evidente que son moitas as familias que buscan outras alternativas pola decadencia observada nos últimos anos, nomeadamente en 2015, cun grave efecto sobre as crianzas", advertía a concelleira nacionalista, Pura Ferreño, no último pleno. O Goberno local confía que os cambios acordados pola Xunta faciliten as matriculacións dos pequenos. O alcalde agradeceu onte ao conselleiro o "interés demostrado por Política Social hacia as familias de Coirós" e celebrou "un paso máis na conciliación da vida laboral e familiar dos veciños".