Os alumnos e docentes do IES Manuel Murguía de Arteixo aprenderon durante este curso a ter contacto directo cun medio de comunicación e explorar as peculiaridades da información dixital a través de novos soportes como as redes sociais debido á súa importancia na difusión dos novos medios dixitais. O centro implantou este curso o proxecto PrensArteixo, que conta cunha canle dixital na páxina web de LA OPINIÓN no enlace https://mas.laopinioncoruna.es/prensarteixo/ ao que o alumnado pode subir os seus contidos.

O material que elaboren os estudantes e profesores do IES Manuel Murguía de Arteixo estará dispoñible para os lectores neste espazo do xornal dixital e ademais do enlace anterior tamén se pode acceder a través da sección de Gran Coruña da páxina laopinioncoruna.es. No espazo de LA OPINIÓN para o proxecto PrensArteixo, os participantes terán oportunidade de publicar novas acerca das actividades celebradas no centro ou informacións de actualidade. A estudantes e docentes creáronselles contas específicas de redes sociais asociadas a esta iniciativa para que a través delas puidesen dar difusión as súas novas na canle dixital do xornal.

Antes de que esta plataforma fose unha realidade o alumnado e o profesorado recibiu formación para coñecer as ferramentas dixitais que precisan para poder ter acceso á plataforma de publicación dixital.

O broche final deste proxecto será un acto previsto para o vindeiro mes ao que acudirán representantes da Xunta, do Concello de Arteixo, do IES Manuel Murguía e do diario LA OPINIÓN. Con este evento preténdese resumir as actividades realizadas e ademais agasallarase aos mellores traballos dos alumnos.

LA OPINIÓN pon en marcha ademais dous concursos para o alumnado do IES Manuel Murguía: un de curtametraxes e outro de relatos. No de curtametraxes, os participantes deberán presentar ata o 10 de xuño os seus traballos e subilos a YouTube. Deben ser obras orixinais e inéditas dun mínimo de tres minutos e un máximo de cinco que non fosen publicadas nin premiadas ou participaran noutros certames. No caso dos relatos tamén teñen que ser textos orixinais e inéditos e que tampouco estean publicados, fosen xa premiados ou concursen noutros certames.

As pezas poden presentarse en galego ou castelán e deben ter unha extensión máxima de 250 palabras. Para participar en calquera dos dous concursos os interesados deberán cubrir un formulario cos seus datos e mandar os traballos.Se os datos facilitados son falsos, incompletos o ilexibles, a organización resérvase o dereito a invalidar a participación.