O túnel da antiga vía do tren de Orro volverá tremer o sábado, aínda que esta vez pola música. Veciños da asociación deportiva e de tempo libre (ADTL) A Pedrosa, de Orro, desbrozaron, limparon e acondicionaron para o serán musical un antigo conduto da vía do tren, próximo ao local veciñal, que tamén se levantou froito do seu traballo hai pouco mais de un ano. O espazo servirá de auditorio este sábado para a primeira Foliada no Túnel, na que más dunha ducia de expertas cantareiras, de cerca de oitenta anos, ensinarán cancións tradicionais. Ademais, acudirán varias agrupacións de músicos tradicionais da comarca e da Costa da Morte e os alumnos de canto, pandeireta e gaita da propia asociación.

"Estaba todo pechado de herba e de maleza. Había silvas e arboleda de tres metros de alto. Nós fixemos un camiño, escaleiras, levamos alí a desbrozadora, botamos zahorra e metimos un pisón para poñer o chan e poder bailar, que é o importante das foliadas", asegura a vogal da directiva e coordinadora das actividades de asociación veciñal, Sandra Senra. Foi ela quen propuxo converter un anaco da historia do transporte da comarca en escenario de unha parte do patrimonio musical que, igual que o túnel, a asociación e as agrupacións participantes manteñen viva co seu traballo.

Dende que comezaron as clases de música na asociación, Senra comenzou a pensar nas posibilidades que ofrecía o túnel. "Sempre pensamos en facer algo aí e, ao empezar eu a ir a clases de pandeireta, pensei na foliada. Estamos botando a andar o asunto", explica Senra. A foliada pretende recoller unha tradición que seguen noutras celebracións similares, como en Tordoia: invitar a mulleres maiores das que se recollen cancións para aprender delas de xeito directo. "Tocan e bailan que é unha pasada, aínda que teñen 80 anos", garante. A directiva da entidade veciñal de A Pedrosa pretende tamén normalizar a presencia de cantareiras nas foliadas xa que, observa, "na zona da Mariña non se ve moito cantar, mais ben as pandeiretas úsanse para acompañar ás gaitas", aprecia Senra, natural de A Laracha, zona onde, igual no resto da zona de Bergantiños, asegura, "hai mais tradición de conservar os cantos".

O salto á música da asociación de Orro ven de hai arredor dun ano, despois de 15 anos centrados no sendeirismo, nos que puxeron en marcha a Xuntanza das Mariñas. "Cando tivemos o local eu, que estivera no mundo da música, pensei que era unha pena non dar clases alí", apunta. Hoxe acoden máis de 30 alumnos de Culleredo e dende outros concellos da área para aprender con Edelmiro Regueira, profesor con 20 anos de experiencia. Estudantes, veteranas e músicos de toda a provincia tocarán xuntos o sábado a partir das 21.00 horas.