OLEIROS

Lembranza do alcalde republicano

O BNG homenaxeará o día 16 ao alcalde democrático na República Tomás Arévalo, que tivo que fuxir a Bos Aires tras o golpe do 36

14.08.2016 | 01:54
Un neto de Arévalo, Floreal, coa súa esposa Rose e un tataraneto do exalcalde, na rúa que leva o seu nome.

Devecía polos melocotóns en almíbar, tiña boa planta, era bastante calado e sempre aconsellaba non meterse en política. Así lembra ao alcalde de Oleiros durante a Segunda República, Tomás Arévalo Pardo, un dos seus netos, Floreal, satisfeito porque o BNG recupere a figura esquecida do seu avó con motivo do Día da Galiza Mártir o vindeiro día 16 na praza da Liberdade de Nós. Este ano cúmprense dúas décadas de celebración ininterrumpida deste día (que recorda o fusilamento do dirixente do Partido Galeguista Alexandre Bóveda) no concello, lembrando sempre a algún persoeiro oleirense.

Tomás Arévalo naceu en Abeleiras, na parroquia de Dorneda, o 1 de agosto de 1890. "Era ferreiro, igual ca meu pai. Arranxaba as máquinas de mallar no taller que tiñan onda a casa e a corte das vacas. Ainda teño o yunque do taller", conta Floreal, nome notoriamente republicano e francés. Foi algo así como a ovella negra da familia, de corte tradicional e moi relixioso.

Arévalo tiña 40 anos cando se fixeron eleccións en Oleiros o 31 de maio de 1931, en listas abertas. José Diéguez Buján foi o máis votado. O 5 de xuño tomou posesión a Corporación local e en votación segreda foi elixido alcalde, por unanimidade, Tomás Arévalo. En outras votacións escolléronse o primeiro e segundo tenentes de alcalde, José Naya Fernández e Juan López Moscoso, respectivamente.

As investigacións de Carlos Velasco (A represión franquista en Oleiros) e Ana Rey (La II República en Oleiros) apuntan a historia do primeiro alcalde democrático na República e constatan que naquel momento o municipio ainda non chegara aos 10.000 habitantes (hoxe ten case 35.000), e segundo o propio Arévalo declarara, más dun milleiro non tiña traballo. A investigadora Ana Rey apunta que ao inicio do mandato de Tomás Arévalo había 4 aulas de educación Primaria e ao curso seguinte xa había 14, pasando a 31 ao final da República.

"Meu avó mercou o terreno onde está hoxe a Casa do Concello e tamén fixo o cementerio civil que estaba en Dorneda. Tamén foi o primeiro que puxo un imposto, chamábase o consumo, por comprar un carro e cousas así. E o primeiro ao que llo puxo foi ao seu pai, o meu bisavó, porque tiña bens, e non quería cobrarllo a xente que non os tiña. Ao seu pai sentoulle moi mal, non podía quitarlle a herdanza, pero díxolle eiche de dar en Santa Cruz, porque daquela esa zona era moi mísera. E deixoulle o 80% en Santa Cruz, efectivamente", lembra Floreal.

Tomás foi alcalde de 1931 a 1934 e en 1936 iniciou un novo mandato. O 18 de xullo ten lugar o alzamento do dictador Franco e todo mudou. "Él víao vir. Empezaron a vir falanxistas á súa casa a molestalo... Un secretario do Concello avisouno", apunta Floreal. "Logo viu que meu avó, Ramón Conchado, o meteron no cárcere, e xa sabía o que lle podía esperar", engade Rose Conchado, esposa de Floreal que naceu en Nova Iorque e que tamén é familia lonxana de Tomás (o seu avó era cuñado del).

Nesa situación, con Tomás Arévalo con 46 anos, casado con Avelina Conchado e con seis fillos, toma a difícil decisión de refuxiarse en Arxentina. Pide o pasaporte como emigrante en setembro do 36. Cinco anos despois, cando el xa vivía aló, o Xulgado de Responsabilidades Políticas solicitou ao xefe da Falanxe en Oleiros unha lista de persoas afiliadas a partidos e sindicatos para aplicar a lei represiva do 29 contra os que apoiaron a República, e nesa lista estaba Tomás xunto con outros compañeiros da Unión Republicana de Dorneda á que pertencía. Tamén foi vicepresidente da Sociedade de Obreiros Marítimos de Santa Cruz. Arévalo Pardo, afortunadamente, xa non estaba en Oleiros senon en Bos Aires xunto cun irmán que xa emigrara alí, Melchor. "Seu irmán traballaba de perito agrícola pero non ganaba moito, pasárono mal. Alí traballou nun garaxe, gardando coches. Voltou a Dorneda en 1963, cunha pensión pequena que logo, coa dictadura arxentina, lle quitaron", sinala un dos seus netos.

Floreal tiña 8 anos cando viu marchar ao seu avó Tomás, que tiña entón 46. O avó voltou con 73, despois de case 30 anos separado da familia. "Voltou moi cambiado. Quedou moi escarmentado da política, non quería que ninguén da familia se metera", afirma. "Esta homenaxe paréceme moi ben, é un recoñecemento ao que pasou. El non tiña necesidade de meterse na política", sinala Floreal.

Tomás Arévalo faleceu en Dorneda en agosto de 1978. Ainda vive un dos seus fillos, o pequeno, tamén Tomás, que reside en Estados Unidos. En Oleiros quédanlle varios netos e otros familiares. O Concello bautizou unha rúa da urbanización As Pardelas co seu nome. A Fundación Pablo Iglesias conserva cartas que se escribiron Arévalo e o presidente das Cortes na República Julián Basteiro.

O Bloque de Oleiros organizou a homenaxe a Tomás para o vindeiro martes día 16 ás 20.00 horas na praza da Liberdade, despois do traballo de pescuda de Manolo Ferreiro de Nós. Neste acto falará Rose, a muller de Floreal, e tamén o actual alcalde de Oleiros, Ángel García Seaone, e Xosé Luis Rivas Mini. Actuarán ademais Fran Amil e Os Tres Trebóns.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine