A concelleira de Deportes, Purificación Zas, defende a chegada do equipo feminino do Deportivo ao municipio porque case non vai ter custos para o Concello e atraerá xente. Tamén destaca o traballo que fai o Concello para manter en bo estado todas as instalacións deportivas do municipio.

-Antes encárgabase de Festas e Deportes, que tal agora só co segundo?

-Estou un pouco máis tranquila, pero con moito traballo. É unha concellaría de moito traballo.

-Por exemplo? Que abarca en Deportes?

-Abarcamos toda clase de deportes.

-Pero que fai o Concello cos equipos deportivos de Arteixo?

-Actividades extraescolares. Coas competicións é moito traballo o que tes. Tamén tes que reunirte cos clubs para darlles os horarios que queren. Eles teñen que aceptar as condicións que lles poñemos. Temos actividades nos centros sociais. Outra cousa que facemos é mirar todas as infraestruturas para que estén en condicións para a próxima temporada.

-Nos campos houbo algún problema este ano?

-Todos os anos. Nas vacacións de verán e de inverno facemos limpezas xerais. Non hai moitos arranxos porque durante o ano vanse solucionando, pero sempre hai.

-Teñen que ir por todos os campos e pavillóns?

-Temos que ir por todos. Pavillóns, campos de fútbol e todo o que sexa.

-Anunciose que o Dépor feminino xogará en Arteixo, en que condicións chega?

-Váiselle facer un convenio de uso de instalacións e eles van sacar un vídeo de promoción de Arteixo no estadio de Riazor.

-Van poñelo as semanas que se xogue alí?

-En todos os partidos. No descanso cando poñen os proxectores e vamos estar alí. Sen gasto ningún.

-O Concello asumirá gastos como o alumeado do Ponte dos Brozos?

-Si, porque xa se estaba usando. Tampouco vai ser moito a maiores. Vamos a dicir que van estar aí xogando co Arteixo. Horas de adestramento e todo. Entón non o vamos a notar. A diferenza pouco pode ser.

-Isto non vai afectar ao Atlético Arteixo?

-O Atlético Arteixo nada. O equipo segue a rutina que tiña e os horarios que tiña. A dispoñibilidade do campo vai ser como a que tiñan. Non lles vai afectar en nada.

-O campo de Ponte dos Brozos tiña moi pouco uso?

-Dous partidos ao mes. Como moito tres. As escolas deportivas municipais tamén están dous días á semana. O Atlético Arteixo podía adestrar un día como toma de contacto do campo e o feminino do Dépor vai facer igual. O Dépor aquí vai xogar menos partidos. Non van ser tantos como o Arteixo. A liga feminina son moitos menos equipos. Son moi poucos partidos os que xogan.

-Por que o Deportivo elixe Arteixo?

-A ver, non o sei. Viñeron aquí, propuxeronolo e nós acollémolos de marabilla, coas mans abertas. Vimos que para o Concello é unha boa cousa e para o Atlético Arteixo penso que tamén o é.

-Vai atraer xente?

-Vai atraer moita xente a Arteixo. Este é un deporte que está indo para diante. O fútbol non é só cousa de homes. Temos boas mulleres.

-No tema de compartir o campo houbo críticas dun directivo do Atlético Arteixo.

-Non. A min non mas deron. Quizáis as deixaron caer. Cando houbo as reunións nós transmitimos a noticia ao presidente. En todo momento estivo de acordo. Non vimos problema ningún.

-En Arteixo hai algún equipo feminino ademais do Pastoriza?

-De momento non.

-Como é que hai tan poucos equipos?

-Non o sei. Parece como que as mulleres non querían moito. Pero eu penso que isto vai a medrar. Xa verás.

-O Concello vai intentar que medre o fútbol feminino en Arteixo?

-Home, si. Nós estamos con todo o deporte, sexa masculino ou feminino. Tivemos o campus de Verónica Boquete en Meicende.

-O número de usuarios do servizo de deportes do Concello incrementouse en 3.000 de 2014 a 2015, por que?

-Foi moito pola piscina. Mellorouse moito. Era unha demanda que tiñamos. Era moi necesario. Ahora hai un montón de actividades. Antes no había espazo.