Falece Manuel Couzo, o home que uniu aos sadenses emigrados en Bos Aires

Este veciño de Sada que emigrou á Arxentina con 17 anos e coñeceu a Suárez Picallo, cofundou e presidiu durante 22 anos o Centro Español Sada y Sus Contornos

12.09.2016 | 00:41
Manuel Couzo, nunha das súas visitas á su vila natal de Sada en 2003.

Fillo Predilecto da vila coruñesa, Couzo Bermúdez tiña 83 anos

Manuel Couzo Bermúdez era un home co corazón dividido. Amaba a súa terra, Sada, que sempre levaba en forma de escudo na solapa da chaqueta; pero tamén a Arxentina, que o acolleu e lle dou a oportunidade de mellorar na vida cando emigrou alí. Durante 22 anos foi presidente do Centro Español Sada y sus Contornos de Bos Aires, entidade que axudou a fundar en 1974. Couzo, Fillo Predilecto do Concello sadense e socio de honra da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, faleceu o pasado sábado na Arxentina aos 83 anos de idade.

"Persoa lúcida e entrañable, mantivo sempre un forte lazo coa súa Sada natal, visitándonos en diversas ocasións", destacaron onte dende a Asociación Suárez Picallo, que tamén manisfestou o seu "pesar por esta perda". Couzo deixa garantida a defensa da colectividade sadense na Arxentina, onde o seu fillo José Manuel chegou a ser tamén presidente do centro e o seu neto Diego responsable da biblioteca.

Manuel Couzo naceu na rúa da Igrexa na Tenencia e dende os 11 ata os 17 anos foi mariñeiro. Daquela eran moitos os que emigraban ante a necesidade que había no país, e el foi con seu pai no 1951 a Bos Aires. Despois de seis meses nunha metalúrxica empezou na compañía de seguros La Continental, onde traballou como conserxe durante 49 anos. Casado con Águeda Fernández, veciña de Meirás, tiveron tres fillos. En 1973 comezou a xuntarse con outros sadenses e con Manuel Mosquera e outros fundan ao ano seguinte o Centro Español de Sada y Contornos, entidade que chegou a ter máis de 2.500 socios e que hoxe é a única asociación activa que teñen os sadenses na diáspora. El presidiuna durante 22 anos e foi un dos seus principais dinamizadores.

Este sadense coñeceu ao diputado do Partido Galeguista, xornalista e extraordinario orador Ramón Suárez Picallo, xa que era amigo de seu pai. Couzo participou na xestión para a repatriación dos restos de Súarez Picallo dende o cemiterio da Chacarita en Bos Aires ao de Fiunchedo en Sada, onde el sempre quixo descansar, cando o Concello presidido por Abel López Soto puxo en marcha esta iniciativa.

Nese ano, no 2008, Couzo aproveitou para entregr algo que tivera gardado e protexido máis de cincoenta anos: cinco discos de vinilo con grabacións inéditas de discursos e conferencias de Suárez Picallo, que hoxe están no Arquivo de Galicia.

Couzo visitou en moitas ocasións a súa vila natal. No 2003 veu polo falecemento dunha irmán, o único familiar que lle quedaba aquí xunto cun cuñado. En agosto de 2013 fixo a súa última visita a Sada, onde participou nun xantar de cofraternidade e foi homenaxeado pola Asociación Suárez Picallo que lle dou o título de socio honorario.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine