O I Encontro de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia xuntou este fin de semana no Albergue de Gandarío (Bergondo) a uns 500 rapaces pertencentes a once agrupacións musicais galegas. Os tres días de encontro (do 9 ao 11) remataron onte cun concerto na praza do Concello de Betanzos da Banda Sinfónica da Federació Galega de Bandas de Música Populares.

En Gandarío tamén estiveron docentes de recoñecido prestixio para impartir cursos de formación e interpretación musical ademais de directores titulares das bandas. A organización destacou o valor deste evento para compartir experiencias.

Esta xuntanza de bandas fíxose como premio para as agrupacións participantes no recente primeiro Festival de Bandas Infantís e Xuvenís. Neste encontro os rapaces puideron aumentar a súa formación e tamén amosar o seu traballo ao público.

Este encontro é froito do convenio entre a Consellería de Cultura e a Federación Galega de Bandas de Música Populares.