Pastoriza foi un referente nos anos 80 grazas a un grupo de mozos que decidiron poñer en marcha un festival no que participaron artistas destacados como Pucho Boedo ou Ana Kiro. Trátase do grupo Nove Mocedade, que estaba formado por quince rapaces desta pequena vila de Arteixo que se xuntaron e converteron as tradicionais festas do lugar nun festival que asombrou. Un dos que formou parte do grupo, Bernardino Suárez, recorda que cando anunciaron que ía estar Ana Kiro a xente "non o cría". Estes mozos querían demostras que eran capaces de facer "as cousas ben", segundo relata Suárez.

Un dos momentos máis destacados do festival viviuse co concerto que ofreceu Pucho Boedo. Bernardino Suárez recorda que o recital do crooner da Silva atraeu a miles de persoas a Pastoriza. "Na miña vida vira a praza tan abarrotada", asegura. O escritor Henrique Rabuñal, que tamén formaba parte desta banda de rapaces, explica que fora "difícil" traer a Boedo porque nese momento vivía en Palma de Mallorca. Houbo tantos asistentes que os coches aparcados chegaban dende os arredores da praza do Santuario ata Vilarrodís, segúndo indica Suárez.

O concerto de Pucho Boedo tamén deixou unha anécdota. Os integrantes aínda buscan a gravación, que nunca apareceu. No festival chegaron a participar outros artistas como Ana Kiro, Amancio Prada, Xestal, Milladoiro e A Roda. Non todo era música. A comida tamén tiña o seu protagonismo. No descampado que hai ao lado do pazo de Villariza celebrábase a romería. Os organizadores do festival ofrecían sardiñas e polbo gratis.

O Concello recuperará este ano este festival, que se celebrará a finais deste mes. O Goberno local explica que xa prepara o cartel deste encontro que se celebrará novembro. A intención é revivir o espírito da cita na que participaron nos anos 80 artistas como Pucho Boedo ou Ana Kiro.

A música era un dos vínculos polo que naceu a Nova Mocedade, pero non foi o único. Henrique Rabuñal conta que os membros do grupo querían que Pastoriza tivera "os máximos servizos". As festas tamén abarcaron máis ámbitos. Rabuñal organizou un recital de poesía. Estiveron presentes autores como Raimundo Patiño, Manuel Rivas y Miguel Anxo Fernán-Vello. "Eran os poetas actuais desa época", destaca Rabuñal. Os membros da Nova Mocedade tamén celebraban actividades para nenos.

A orixe da Nove Mocedade está no local social que había nos anos 60 do século pasado en Pastoriza. Alí víanse os rapaces da vila, segundo relata Bernardino Suárez. O fútbol era o "principal" que había alí. Despois o local sufriu danos no tellado. E os rapaces quedaron sen lugar para xuntarse. Pero un grupo deles decidiu reunirse. "Formamos un equipo cultural", sinala Suárez. E destaca que escoitaban música, consultaban as revistas e os xornais da época. Un día estes mozos decidiron organizar as festas. Este grupo editaba un boletín todos os meses no que expoñía todos os gastos e ingresos da organización das festas, segundo detalla Bernardino Suárez.

A asociación estaba integrada por quince rapaces que tiñan entre 19 e 23 anos. Estes eran, segundo recolle o escritor Xabier Maceiras no seu blog Crónicas de Arteixo: Paco Seijal, Miguel Sande, Guillermo Pardo, Bernardino Suárez, Pacucho Sande, Alfonso Mosquera, Rosa, Carmen Vázquez, Henrique Rabuñal, Chus Rabuñal, Juan, Isidro Vázquez, Rafa Orgueira, Franki y Antonio.

O espírito da Nove Mocedade durou pouco máis de dez anos. No 1993 o festival desapareceu. Só houbo un intento illado de recuperar a festa en 2007, cando se celebrou unha romaría en Monticaño. Esta iniciativa non tivo continuidade no tempo. Bernardino Suárez explica que organizar estas romarías requería "moita intensidade" e que pouco a pouco decaeu. A Nova Mocedade só organizou dúas edicións. Henrique Rabuñal tamén recorda que el entón empezara a carreira na universidade e que iso lle pasou a outros compañeiros.