Calendarios da Virxe do Carme, unha radio na que soa música, luz natural dos ventanais e tres mulleres sentadas na tardiña mentres as súas mans voan unindo fíos e conversas. A Asociación de Redeiras de Lorbé naceu en 2004 con 16 socias e hoxe só conta con seis, aínda que agora mesmo son tres as que están na nave do porto de forma habitual: Pili Villaverde, Manolita Pérez e María Lugrís.

Ás tres gústalles o seu oficio, este traballo artesanal que cada día ten menos xente, que se vai perdendo. "Hai tan poucas que, ademais de traballar para todos os mariñeiros de Lorbé, recibimos encargos dende O Barqueiro, Cedeira, Mugardos, Ares, incluso Sada", conta Pili Villaverde, veciña de Lorbé que leva vinte anos na arte de armar aparellos, dende que con 16 anos lle aprendeu unha veciña da zona. "Non é que sexa un oficio tan duro, o que sí é, é laborioso, moi repetitivo. Antes as redes eran de fío, eu traballei con elas, agora son de tanza, veñen da China", engade.

Dores de espalda e no pulso das mans, problemas de vista (as tres teñen gafas) e callos e rozaduras nos dedos, son algunhas das doenzas que acaban por padecer por tantas horas sentadas, algo encorvadas e cos ollos fixos na agulla e na malla. Pili ten catro dos cinco dedos da man esquerda vendados con cinta. María, dous.

"Somos todas autónomas e fixemos os cursos para ter a acreditación. Estou de alta dende 2004 aínda que levo traballando nisto dende o 88, con 20 anos. A min ensinoume meu home, temos un barco aquí en Lorbé. Antes os mariñeiros todos sabían facer redes, agora xa non. A min gústame moito este oficio, aínda que moi pagado non é, pero por outro lado tes unha autonomía que non tes con outro traballo, podes compatibilizar o traballo da casa, o coidado de nenos ou maiores e baixar a traballar cando rematas, organízaste ti", relata Manolita Pérez, de Mera.

As redeiras cobran dos mariñeiros por peza, por rede feita. A 18 euros a peza no porto de Lorbé. Agora empeza a temporada de traballo a fartura, ata decembro hai apuro. "No verán levámolo ben. En novembro abre a centola e métese o aparello vello ata que rompe e logo xa se renova", explica Manolita. En Lorbé ándase moito á centola (o próximo 19 de novembro é a terceira festa deste producto).

O caso habitual das redeiras é que o home sexa mariñeiro. Así pasa con Manolita e tamén con María. O marido tivo embarcación ata que se xubilou e ela leva 34 años neste traballo. "Gústame e gústame vir aquí á nave do porto, estar coas compañeiras, falar. Despéxaseme a cabeza", di María Lugrís, veciña de Dexo.

Hai un bo ambiente na nave de redeiras, de camaradería, de confraternidade. A cousa é que unha das redeiras xubilouse o pasado febreiro e aínda vén todos os martes e xoves a visitalas. Algo ten esas instalacións e esas redeiras que engaiola porque atan sete buratos da rede a toda velocidade coa agulla sen deixar de oirte nin falarche do traballo, do coidado dos maiores, da testemuña de Correa ante o fiscal e os tres coches que regalou, dos netos... "Todos eses debuxos que ves nas paredes fíxoos a miña neta Lola de 8 anos, peixes, arco iris, flores... Fíxoos para min e para as miñas compañeiras, para decorar as paredes da nave", sinala María Lugrís.

Elas non remendan as redes. Na arte que se acostuma no porto, os miños, non é coma no cerco, que son moi caras, senón que cando non serven tíranse (menos o cabo que se reutiliza). O traballo que fan elas é armalas, coselas ao cabo segundo unhas medidas e logo poñerlle as boias ou flotadores nun lado e os chumbos noutro.

O armado é diferente segundo qué tipo de peixe se vaia coller e segundo a preferencia do armador. "Se por exemplo van coller pescadilla, a malla é máis pequena e hai só unha rede", di Pili Villaverde. Na tarde do venres as tres estaban armando redes de tres panos para andar aos miños, arte parecida ao trasmallo que ten tres panos superpostos cosidos directamente aos cabos.

A rede do medio ten os buratos pequenos e as de fóra son grandes, de xeito que o peixe, ao entrar pola malla grande despois avanza e arrastra a pequena cara a seguinte grande e queda atrapado porque forma coma unha bolsa. A agulla da redeira colle xuntos seis ou sete buratos da rede do medio -"ou cinco ou seis, según o que queira o armador"- e úneos ao cabo.

As redeiras de Lorbé temen que se perda o oficio. En pouco máis dunha década xa son menos da metade. "En Sada só estaba Hilda. Aí agora van facer un curso de redeiras. É o que pedimos hai tempo á Xunta. Para poder dar o curso de redeira tes que ter o título de formador de formadores. Nós non podemos ensinar palangre ou cerco, só baixura. Necesitamos que nos concedan o curso. Unha vez que o quixemos facer tiñamos vinte persoas apuntadas. Hai xente que quere aprender e hai que ensinarlle para que non se perda esto cando nos xubilemos", afirma Pili.